O Fervedoiro asiste á concentración contra a Rúa Fraga

Na tarde de onte, martes 28, varios membros do Fervedoiro estivemos presentes na concentración convocada pola Plataforma "Rúa Fraga Non" na Praza do Toural, en Compostela, para manifestar a nosa oposición á proposta do Alcalde de porlle o nome de Fraga Iribarne a unha vía da Capital.

faixa da plataforma Rúa Fraga Non durante a concentración de onte en Compostela 

Como é sabido, O Fervedoiro ten rexistada dende hai varios meses no Concello compostelán unha proposta para que unha rúa da cidade leve o nome do avogado, xornalista, escritor, político, cuntiense, etc. Xohán Xesús González. A resolución a esa proposta (xa sexa positiva ou negativa) non se ten producido e pola contra, a resposta que ideou o Sr. Bugallo (Alcalde de Compostela, do PSOE) foi unha contraproposta: unha rúa para Fraga Iribarne en Compostela!

Nós solicitamos a lembranza dun mártir que foi asasinado por manterse fiel aos principios democráticos, por loitar pola liberdade, pola xustiza e pola súa Terra. O Sr. Alcalde propón a homenaxe a un ministro da Ditadura, responsábel da represión violenta, da censura, dunha manchea de decisións antidemocráticas e de execucións políticas; responsábel tamén do atraso no que se atopa sumido Galiza; machista, misóxino, e por enriba de todo, fascista.

Nós exiximos a retirada da simboloxía fascista das nosas vidas cotiás, a eliminación de homenaxes a golpistas, asasinos, ditadores...que nomean rúas e prazas, que manteñen os seus escudos e as súas lendas presentes en edificos públicos. O Sr. Alcalde de Compostela propón engadir unha máis á longa listaxe de rúas con nomes de responsábeis da opresión e da privación de liberdade á Nosa Terra. O Concello de Cuntis segue a negarlle, malia estar aprobado e anunciado, a homenaxe a Xohán Xesús González na súa vila natal ao non recoñecer oficialmente nin pórlle a correspondente inscrición co seu nome á rúa que lle pertence na Vila do Baño (Cuntis).

Apoiamos o manifesto da Plataforma Rúa Fraga Non (podédelo ler en http://ruafraganon.blogspot.com), mais non ficamos aí.

Exiximos o cumprimento do acordo municipal cuntiense de lle outorgar o nome de Xohán Xesús González a unha rúa da vila. A día de hoxe, o rueiro cuntiense non contén o nome dun dos seus fillos máis ilustres e o Concello segue omitindo (mal)intencionadamente ese nome nas súas comunicacións aos veciños.

Solicitamos a merecida homenaxe a un dos defensores esquecidos das liberdades democráticas na capital galega: unha rúa en Compostela para Xohán Xesús González!!!

Chuzame! chúzame -

Leave a Reply