En movemento!!
Xa non falta nada. O desprazamento masivo que dende Cuntis acudirá á Coruña para estar ao carón da Selección Nacional, organizado polo Fervedoiro, vai rexistrar uns números que para si quixeran algunhas adminstracións que subvencionan autobuses para pseudomanifestacións partidarias.
Sen a colaboración de ninguén, incluso co desprezo dalgunha empresa de transportes, sen ningunha axuda económica de entidades públicas ou privadas, coas dificultades da inexperiencia (pedimos perdón de antemán por algún erro que poidamos cometer na organización) e coa eterna criminalización da xuventude por parte dalgún sector da poboación (os de sempre), máis de 60 compañeiros e compañeiras da comarca (maioritariamente de Cuntis) amosan a capacidade de convocatoria e o apoio que demostraran aquel 26 de agosto no día da nosa Presentación, desta vez para estar en Riazor coa Galega de Fútbol.
Será un día de festa, mais tamén de reivindicación. O noso berro di "OFICIALIDADE XA!", queremos que se nos recoñeza o dereito á participación internacional das nosas Seleccións deportivas (en todas as disciplinas), como acontece con outras nacións europeas. Imos demostrar que o compromiso non se trata de partidos políticos nin de intereses puntuais. Reclamamos ese mesmo compromiso aos xogadores, para os que nos gustaría que non fora un simple encontro amigable ao ano e si un motivo de exixencia do dereito a competir oficialmente coas nosas cores.
Está xa todo preparado. En movemento pola Selección Galega!

chúzame -