Coa Selección Nacional

Foi onte un día que imos tardar en esquecer os que estivemos na Corunha ao carón da Selección Nacional no seu segundo encontro internacional da época moderna, fronte ao Ecuador. A viaxe organizada polo Fervedoiro mobilizou dende Cuntis (con compañeiras e compañeiros da comarca) a máis de sesenta camaradas.

parada na estación de servizo do Burgo

Comezamos cun xantar de confraternidade para saír dende o Banho ás catro da tarde con moitas ganas de festa reivindicativa. Iamos para estar na bancada pero tamén para berrar polo recoñecemento da oficialidade das nosas cores e o dereito a competir en igualdade de condicións contra calquera equipa do mundo. Durante a viaxe non faltaron cánticos, bandeiras, licor café e moita ledicia. Fixemos parada na área de servizo do Burgo (Ordes) para estirar as pernas e seguir coa festa tamén en terra. Alí xuntámonos con outros autobuses de Siareir@s Galeg@s chegados dende varios puntos da nosa xeografía. Temos que recoñecer que nos parabenizaron pola capacidade de mobilización que O Fervedoiro logrou, tendo en conta a poboación coa que conta Cuntis.

no autobus

Na chegada á Coruña tivemos o pracer de ser acompanhados polas Forzas de Seguridade do Estado até o desembarco en San Antón. Xa en terra, dirixímonos ao Campo da Lenha, para acudir á manifestación nacional convocada por Siareir@s Galeg@s. Todo discorría con normalidade até que comezaron, sen motivo aparente, as cargas policiais, ao noso ver, desproporcionadas. Temos que apuntar que dous compañeiros resultaron feridos polo impacto de dúas bolas de goma durante a represión policial. Porén, se nos fiamos dos medios de comunicación, "catro radicais tentaron empañar a festa"... Non nos sorpenden.

siareiro cuntiense en Riazor...

Xa no Estadio, estivemos na bancada de Pavillón Inferior. Non podemos máis ca repetir o inesquecíbel da data e a demostración de forza e apoio que unha vez máis este país amosou. Demostramos que o sentimento pola Selección é real e non ficticio ou forzado por grupos mediáticos coma noutros casos que todos ben coñecemos. Demandamos xestos por parte de quen corresponda para conquerir xa o dereito á oficialidade e tamén a promoción con máis encontros ao ano. A Selección non é só un partido ao ano!

quen dixo que non van mulleres ao futbol?

Finalmente, temos que agradecer en primeiro lugar a axuda de Siareir@s Galeg@s na organización. Tampouco nos esquecemos da compañía de transportes Peillet, que ao contrario ca outras da comarca non puxeron ningunha traba neste tipo de iniciativas, que gustosamente fan cando se trata de manifestacións partidarias organizadas por administracións públicas cos impostos de todos. Agradecemos tamén á Libraría Maresa e ao Cíber Teo (os dous de Cuntis) a súa xenerosidade e apoio.

aspecto xeral nos prolegómenos

Até a próxima!!!

(botádelle un ollo ás fotos)

Chuzame! chúzame -

Leave a Reply