Cuntis vai ter por fin a Xohán Xesús González no seu rueiro

Despois de padecer a insólita circunstancia de ser aprobada en Pleno Municipal dúas veces, a proposta para que o ilustre canteiro e avogado de Sebil lle dea o seu nome a unha das novas rúas da Vila do Baño verase por fin executada (ou alomenos iso é o que está anunciado) este sábado.

Xohán Xesús GonzálezLogo da iniciativa veciñal (apoiada por unha ampla listaxe de persoeiros/as e colectivos da cultura e da sociedade galega) xurdida con motivo da convocatoria do Concello de Cuntis dun concurso de ideas para nomear o Centro Sociocultural do Espadenal, e que propoñía o nome de Xohán Xesús González, a corporación cuntiense decidíu rexeitar esta proposta. En troques, nomearía dese xeito a rúa na que se atopa o inmoble.

Aprobada na comisión corresondente, esta decisión nunca se víu executada na práctica e o Concello non só non colocou a correspondente praca identificativa, senón que nos sucesivos bandos e demais comunicacións, evitou sempre (agás unha vez) citar o nome aprobado para a rúa cuntiense. O do Centro Sociocultural, pola contra, foi empregado dende o principio.

Mais esta historia non viviría aínda o seu capítulo máis esperpéntico. No derradeiro Pleno Municipal do ano pasado (o venres 29 de Nadal e con presenza do Fervedoiro, no que tamén se rexeitaba a nosa proposta de retirada de simboloxía fascista), acordábase colocarlle a dúas novas rúas os nomes de D. Olimpio Arca e, por segunda vez, Xohán Xesús González. Mofa bastante é que un acordo se obvie como se non existira como para sacalo de novo á sombra doutro nomeamento semellante.

Para este sábado 21 de abril está anunciada unha homenaxe "do Concello e do pobo de Cuntis" ao mestre D. Olimpio Arca Caldas, personaxe coñecido e recoñecido no noso pobo. Este acto incluirá, á unha e media da tarde, o descubrimento da praca que lle dará o seu nome á rúa escollida. Tamén, de paso, se descubrirá a praca da Rúa Xohán Xesús González.

Deseguido, os interesados/as que tiveran a ben pagar os 35 euros que custa a invitación (que ao parecer inclúe comida e achega para o agasallo pertinente) dirixiranse a un coñecido establecemento hostaleiro-agüísta do Baño para render, cunha comida, homenaxe a Don Olimpio.

A modelo de Paco Asorei, de X. X. GonzálezA administración cuntiense apoiará este recoñecemento, mais polo xeito de facelo, entendemos que se comete un verdadeiro desprezo (outro máis) coa figura, a memoria e incluso a familia de Xohán Xesús González. Logo do xa relatado (aprobación e reaprobación do acordo), descubrir a súa praca nun acto de homenaxe a outra persoa non o vemos como unha mostra de respecto por un home do que a bo seguro descoñecen a súa vida. Nós, coa mellor vontade, deixamos aquí a ligazón para que, quen o desexe, poida coñecer máis datos sobre a súa biografía e os seu méritos. Para os/as que non entenden o noso empeño na loita pola recuperación da súa memoria.

Malia todo, é para nós unha honra ter conquerido finalmente este obxectivo. Non podemos consideralo, tendo en conta as trabas, doutro xeito que non sexa unha vitoria! Alí estaremos, o sábado á unha e media da tarde, para asistir ao descubrimento das pracas identificativas das dúas novas rúas cuntienses. Dende aquí, convidámosvos a todos/as que asistades pois consideramos, esta si, unha verdadeira homenaxe aos dous persoeiros dos que falamos sen diferenzas nin desprezos. Non por iso esquecemos que a nosa proposta segue a ser unha: a de Xohán Xesús González.

Chuzame! chúzame -

Leave a Reply