Mañá, domingo 6 de maio, ás doce da mañá vai ter lugar en Compostela unha manifestación xusta. Temos que exixir dunha vez, a quen sexa, que se poña fin á destrución e degradación do noso territorio. Urbanismo descontrolado, sen escrúpulos, vertidos a ríos, vertidos a rías, encoros, centrais e minicentrais, construcións irracionais... Xa está ben!
Sairá dende a Alameda para facer ver que isto ten que mudar, non podemos acabar co noso nós mesmos. Son numerosos os colectivos que convocan e apoian esta manifestación, entres eles O FERVEDOIRO, e tamén moitos/as os intelectuais e persoeiros/as da sociedade e da cultura galega que asinaron o manifesto. Aquí queda e ... todos/as a Compostela!
"A nosa vida non se entende sen o territorio: sobre el temos a nosa vivenda, por el nos desprazamos, del tiramos alimento e enerxía, nel deitamos os nosos residuos, traballamos, pasamos o noso tempo de lecer… e o facemos desde hai séculos, nel está a nosa historia. O territorio que habitamos conta con paisaxes fermosas ou singulares e alberga, ademais, muitas outras formas de vida, acubilla biodiversidade.
O territorio condiciona as nosas vidas, mais tamén temos unha cada vez maior capacidade de modificalo. Combinando desleixo e unha estrema ambición depredadora levamos décadas destruíndoo e xustificámonos argumentando que é para xerar emprego, para nos desenvolver, para vivir mellor…
Este uso insustentábel do territorio está destruír a paisaxe e o noso patrimonio cultural, está a empobrecer a biodiversidade, está a empiorar a nosa cualidade de vida e a hipotecar a das xeracións futuras, para, como muito, enriquecer a unha minoría. Galiza perde poboación ao tempo que estende o seu solo artificializado.
Urbanismo caótico, infraestruturas de transporte irracionais, campos de golf, portos deportivos, encoros, piscifactorías, parques eólicos indiscriminados, paseos marítimos e fluviais ríxidos, recheos, monocultivos de especies exóticas e invasoras, nulo respeito polas figuras de protección ambiental e os espazos naturais protexidos… teñen unha cousa en común: a inexistencia dun ordenamento territorial sustentábel.
Denunciamos o elevado nível de destrución do territorio que estamos a atinxir, mais tamén acreditamos na capacidade que aínda temos para reaxir. Aínda é posíbel deseñar e desenvolver unha política de ordenamento territorial sustentábel, que respeite a paisaxe e o patrimonio, que nos permita convivir cunha rica biodiversidade, que mellore a nosa cualidade de vida sen hipotecar a das xeracións futuras.
Sabemos que a xeración de emprego de cualidade, o aceso a unha vivenda digna e o gozo do noso tempo de lecer non é incompatíbel coa sustentabilidade, senon todo o contrario, e por iso demandamos un imediato cambio de rumo."
chúzame -