Un 17 de maio para Xohán Xesús González

Na loita pola recuperación da memoria e dignificación da figura de Xohán Xesús González, O Fervedoiro da un paso máis neste longo percorrido. Vimos de remitir á Real Academia Galega a proposta para que este ilustre persoeiro sexa homenaxeado co Día das Letras Galegas. Cremos que a súa produción literaria e a súa actividade intelectual fano máis ca merecente desta honra.

Comezabamos o noso propósito facendo nosa a iniciativa de varios veciños (cunha extensa listaxe de apoios de entidades e persoeiros da cultura galega) de lle dar o seu nome ao Centro Sociocultural de Cuntis, a súa vila natal. A iniciativa non fora aceptada pero aí xestárase a proposta de darlle a unha rúa cuntiense o nome deste canteiro e intelectual de Sebil; o traballo fora longo e cheo de trabas pero finalmente, hoxe, o noso rueiro contén o seu nome. Nesta mesma liña, e tendo en conta que Compostela foi a cidade na que desenvolveu a maior parte da súa actividade cultural e profesional, o 20 de xullo de 2006 quedaba rexistrada no Concello de Compostela unha proposta para que unha vía da Capital fora nomeada como Xohán Xesús González. Arestora aínda non temos resolución, mais cremos que a xustiza imporase e finalmente, este loitador polas liberdades e pola Nosa Terra terá esta máis ca merecida honra na Capital do seu País.

UN 17 DE MAIO PARA XOHÁN XESÚS GONZÁLEZAgora, procuramos para el unha das maiores conmemoracións que a nivel nacional pode acadar unha figura da nosa cultura, das nosas letras e da nosa historia. A proposta do Fervedoiro para o vindeiro Día das Letras Galegas é Xohán Xesús González, e así lle foi comunicado á Real Academia Galega, da que agardamos que atenda e valore a nosa achega. Os argumentos son moitos e variados. A súa traxectoria vital, coutada polos fascistas o 12 de setembro do infame 36, podería resumirse con adxectivos que xa temos repetido en innumerábies ocasións. Deseguido, presentamos un breve bosquexo que, ao noso ver, o converte en merecente da homenaxe que para el reclamamos.

 

Xohán Xesús González nace nunha humilde familia de labregos no ano 1895, na parroquia cuntiense de Sebil. Logo de traballar como canteiro, así como nas tarefas do campo, estuda na Escola Normal de Santiago para se facer mestre. A súa formación académica non remata aí, e a comezos dos anos trinta finaliza a carreira de Dereito.

Convértese nun salientábel colaborador de numerosos xornais da época (galegos, estatais e mesmo da emigración), sendo correspondente dalgún deles e mesmo fundador de dous: El País Gallego e Amañecer. Xunto con outros xornalistas composteláns pretende criar a Asociación de Prensa de Santiago.

É autor do poemario Agarimos: versos da y-alma (1921). Na dramaturxia galega dos anos vinte introdúcese cos grupos de teatro Universidad e La Raza, e propón o nacemento dunha compañía teatral galega. É autor das obras teatrais en galego Carmiña e Felisa; tamén de Isaura no quiso pecar, en castelán. Sábese, asimesmo, que varios títulos quédanlle sen publicar nin representar.

As novelas en galego da súa autoría son Ana María (Lar 1925), A filla da Patrona (Lar 1926) e A modelo de Paco Asorey (Nós 1933). Descoñécese se víu a luz a peza intitulada A patrona está que arde, pero é seguro que varios outros títulos non son editados por mor do levantamento militar de 1936.

No eido ensaístico saca do prelo Hacia una morfología de la vida gallega, O romanticismo de mañán, En pé campesiños e Regionalismo Nacionalismo Separatismo.

Outros apuntes salientábeis da súa biografía son a fundación da libraría e editorial Niké, a finais dos anos 20 e xunto con Arturo Cuadrado Moure. Aparece entre os asinantes da constitución da Asociación de Escritores Gallegos. Crea a Agrupación al Servicio de la Autornomía (1934) e ten a responsabilidade de correspondente no Comité Central da Autonomía. Militante do PSOE e importante activista sindical da UXT, é asimesmo fundador de varias organizacións políticas: Agrupación Nazonalista Compostelana (1931), Unión Socialista Gallega (mailo seu Seminario de Estudios Socialistas, en 1932), está na creación de Izquierda Republicana (1934) e crea a Vanguardia de Izquierda Republicana (1935).

Chuzame! chúzame -

Comments are closed.