Seguimos agardando a paralización das obras do Salto da Ermida
O pasado 14 de agosto alertabamos das obras xa comezadas no lugar da Ermida para a construción dunha nova minicentral no río Umia.
Dende a publicación nos medios de comunicacións locais precipitáronse os acontecementos e os feitos brincaron á actualidade en plenas Festas da nosa vila. Responsábeis políticos, tanto municipais como galegos, reuníronse atendendo á nosa petición de paralización inmediata.
Desprazámonos ao lugar das obras (bastante avanzadas xa) e puidemos comprobar a magnitude das mesmas, decatándonos de que o Salto da Ermida terá unha envergadura bastante considerábel e, dende logo, moito maior ca que tiñamos nun principio e que se transmitiu á sociedade. O impacto ambiental é xa agora descomunal e destrutivo, por mor dos traballos da maquinaria pesada. Demandamos unha explicación sobre as voaduras que se están a realizar así como das deposicións dos restos vexetais. Esiximos as correspondentes sancións no caso de seren procedentes.
A día de hoxe podemos afirmar que non existe licenza municipal (por parte do Concello de Cuntis), polo cal estamos a falar dunha obra que non se axusta á legalidade. Non podemos crer que dende as administracións locais (Concellos de Cuntis e Moraña) se estivera durante todo este tempo ollando cara a outro lado, sendo sabedores da realización dunhas obras sen os permisos pertinentes. Por unha banda, cumpriría unha sanción –previa denuncia– á empresa correspondente por estar a realizar unhas obras sen permisos. Por outra, a pasividade non pode xustificarse porque esteamos en período vacacional ou conmemorando as Festas Patronais, pois nestes meses de lecer os seus salarios recíbense puntualmente na casa.
Esta mesma mañá rexistramos no Concello de Cuntis a solicitude de paralización inmediata dunhas obras que, REPETIMOS, comezan do mesmo xeito que o fixo o malfadado Encoro da Baxe. Nos vindeiros días farémolo tamén no de Moraña. Non podemos deixar de esixirlles aos nosos dirixentes VALENTÍA na DEFENSA do RÍO MÁIS MAGOADO DA GALIZA!!!! Non abondan reunións diante dos fotógrafos, non abondan declaracións a medias, non aceptamos dúbidas!!!! É tempo de demostrar que as palabras falan de vontade verdadeira e non son declaracións baleiras.
Lembramos que a autorización para esta nova minicentral foi concedida polo anterior goberno da Xunta “en funcións”, polo que a legalidade da súa forma puidera ser discutíbel. Por outra banda, a Consellaría de Industria (do BNG) non anulou esta concesión, como si o fixo con outras do río Ulla (por exemplo). Agardamos non ter que padecer de novo aquela mofa cos tres alcaldes –salvapatrias– con Cuiña nunha zódiac polo río abaixo. É o momento de amosar firmeza e pór por diante os intereses do pobo e do medio enfrontándose se é preciso á “disciplina de partido”. Os que din practicar políticas sociais e de esquerdas non poden seguir mantendo, consentindo e promovendo a privatización dos recursos naturais, ben sexan ríos, rías, montes, mananciais de auga quente, fontes...
Cremos os nosos recursos naturais teñen que estar en mans de todos, repercutindo os beneficios no pobo e non en mans de quen tan só mira polo seu peto!!!
chúzame -