“Non podemos permitirnos o luxo de paralizar as obras”

Nin máis nin menos. Esa é a resposta da Sra. Alcaldesa de Cuntis á vaga de oposición á minicentral que se está a construír na Ermida. E falamos de "vaga de oposición" porque xa non é unha teima deste colectivo, senón unha nova que acadou notoriedade nacional (e incluso máis, pois até algún xornal madrileño se fixo eco) e que vén sendo unha agresión máis ao medio natural que xa non se consinte calando coma noutrora.

Afirmouse nun principio que as obras que teñen lugar nas aldeas da Ermida (Cuntis) e a Laxe (Moraña) carecían de licenza municipal. Hoxe sabemos, por declaracións nos medios de comunicación que o Concello de Cuntis está a estudar a posibilidade de que si exista esa licenza ao poder ser obtida por silencio administrativo -que é o que alega a empresa-.

Cómpre facer fincapé na expresión silencio administrativo. Trátase dun eufemismo que non agocha máis ca desleixo, pasividade, deixazón, desinterese, etc. Calquera adxectivo agás algún que faga referencia a interese polo que acontece no pobo, agás algún que faga referencia a velar polos intereses veciñais. E poderíase dicir que estamos errados na nosa interpretación, que realmente ese silencio administrativo foi a sabendas. A seguir desmontamos esa teoría.

En declaracións da Sra. Alcaldesa de Cuntis -de Moraña non se sabe nada- Fátima Monteagudo ao Diario de Pontevedra (Xoves 23 de agosto, páx. 20), das que tamén tiramos a cabeceira desta nova, afirma a rexedora que "se paralizamos as obras e logo se demostra que teñen licenza, o Concello tería que aboar unha cuantía moi importante en concepto de danos. Non nos podemos permitir o luxo, independentemente que non nos guste que a fagan aí". Velaí a proba de que, coma sempre, tarde mal e arrastro van chegando ás cousas. Durante meses enleados en discusións de pactos e demais voltas -polo seu interese- mentres unhas obras ilegais se viñan realizando e eles/as, alleos, permitíndoas co seu "silencio administrativo". Realmente obsceno!

Proseguindo na análise das declaracións, decatámonos que hai un fragmento que nos traslada no tempo: "o Concello tería que aboar unha cantidade moi importante". A onde nos traslada? Pois a aquel lembrado Pleno -coñecido como "o das Burgas- no que o daquela goberno en solitario do PSOE rexeitou recurrir a sentenza que privatizaba as nosas augas debido a que sería moi custoso. Tanta dor teñen dos fondos públicos agás cando é para fixar os seus soldos, dúas dedicacións exclusivas que nos supoñen anualmente arredor de dez millóns das antigas pesetas. E para que serven esas dedicacións exclusivas? Para silencios administrativos! Realmente non é admisíbel. Non nos merecemos estes gobernantes que, agora si, xa non poden dicir que os escolleu o pobo.

cales serán as caras desta vez?Quen sabe se aquela foto do paseo na zodiac Umia abaixo dos alcaldes de Caldas, Cuntis e Moraña con Cuíña non se reeditará en vindeiros meses e con quen sabe que político pasearán os dirixentes cuntienses de PSOE e BNG e os morañeses do PSOE...

O Fervedoiro destapou a caixa dos tronos. Detrás viñeron, na mesma liña, O Arrieiro de Moraña, ADEGA, Augas de Galicia, etc. e até a Universidade de Valladolid emitíu estes días un informe alertando dos prexuízos desta nova construcións. Sabemos tamén que o grupo Tres Mares S.L., adicado ao sector das piscifactoría se vería ameazado (cen postos de traballo). Cal é a resposta das administracións? Recoñecer que estiveron mirando para outro lado e que, practicamente, non hai volta! Non queda outra, se esta desfeita se consuma, alguén terá que asumir responsabilidades políticas. Falamos de demisions!

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Comentarios pechados.