“A paralización é imposíbel pois a licenza foi obtida por silencio administrativo”

Este venres, 31 de agosto, tivo lugar no escenario habitual (Salón de Plenos da Casa do Concello) a peza comico-dramática titulada "Pleno Municipal", a primeira co novo elenco de actores e actrices da política cuntiense á que asistimos nesta lexislatura.

A orde do día resolveríase en tan só uns minutos de non ser porque no punto pregos e preguntas unha das intervencións facía referencia á solicitude de paralización das obras da minicentral da Ermida que O Fervedorio rexistrara o pasado 21 de agosto no Concello de Cuntis. Foi a voceira do BNG a que trasladou ao debate a iniciativa centrándose na nosa petición de posicionamento público dos tres grupos políticos. Cómpre salientar a habilidade política de Belén Pazos pois, sendo ela quen introducía o "incómodo" tema propúxolles aos outros dous voceiros -Antonio Pena do PP, e Fátima Monteagudo do PSOE- que foran eles quen interviran primeiramente gardándose así ela a opción de expresarse e, de ser necesario, respostar ao final. E así foi, picaron. Salientamos das palabras da Sra. Alcaldesa dúas frases textuais que se explican por si mesmas: "non nos gusta que se faga aí pero desgrazadamente todos sabemos que se vai facer" e "consultouse co asesor xurídico do Concello e a paralización é imposíbel pois a licenza foi obtida por silencio administrativo". O que significa iso de "silenzo administrativo" e o que pensamos ao respecto xa o temos manifestado. Pola súa banda, o PP manifestou tamén a súa oposición -malia que foi o goberno de Fraga quen, en funcións, outorgou esa concesión- e, coincidindo coa postura do BNG, aceptou a idea de elaborar un posicionamento conxunto da Corporación Municipal para elevar á Consellaría de Medio Ambiente exixindo a paralización. Incluso celebrar un Pleno Extraordinario con este tema como único punto a tratar. Dende O Fervedoiro consideramos que esta última idea é moi boa e incluso necesaria e instámolos -tanto a eles como ao resto de grupos...- a solicitar a celebración dese pleno.

Quizabes foi o BNG o que máis empeño puxo, lembrando que no seu día realizaron varias alegacións e que a día de hoxe é a Consellaría de Medio Ambiente (PSOE) a única que pode paralizar as obras. Centrouse a súa intervención en procurar un acordo conxunto da Corporación e exixirlle á citada obras na Ermidaconsellaría a paralización, en nome do pobo de Cuntis, das obras deste novo atentato medioambiental e desta nova agresión ao Umia. Dende O Fervedoiro aplaudimos esta iniciativa, pero temos tamén que apuntar algúnha dúbida que mantemos. Esta mesma semana, unha representación do BNG reuníuse e asinou un acordo para a implantación da internet sen fíos en todos os recantos do noso Concello -iniciativa que saudamos e aplaudimos, a priori-. Ese convenio asinouse, diciamos, co Conselleiro de Industria, que foi o que paralizando concesións semellantes deu luz verde definitiva so Salto da Ermida. Non dubidaremos de que, tan importante e urxente tema, e atendendo ao interese amosado hoxe diante dos asistentes, o caso da oposición ao novo encoro no Umia faría parte dos temas tratados co conselleiro. Sería moi interesante coñecer os contidos desa conversa (alomenos os que se poidan publicar) e as respostas do Sr. Fernado Blanco.

Malia a insistencia do BNG e do PP, a Alcaldesa foi rexeitando continuamente acordar un posicionamento conxunto ou ir máis alá no que levan feito -é dicir, nada!-. Chegou incluso a gabarse -cunha boa dose de prepotencia- de que "a Consellaría de Medio Ambiente teno claro porque a Alcaldesa o ten claro!". Do mesmo xeito, repetindo que estes escritos non teñen porque ir ao Pleno e non se votan, escapóuselle a que cremos que pode ser unha interesante alternativa.

Dende O Fervedoiro instamos aos grupos políticos realmente interesados e que verdadeiramente se opoñen a esta agresión medioambiental a que presenten unha moción para sacar adiante o posicionamento conxunto da Corporación Municipal que exixa a paralización. As matemáticas falan de que, logo do visto hoxe, os votos dos máis interesados -PP e BNG- serían suficientes para a aprobación desa moción que si habería que votar. Ao mesmo tempo, non deben deixar pasar o tempo e solicitar inmediatamente a celebración dun Pleno Extraordinario no que se aborde este asunto.

Xa para rematar, salientar a presenza veciñal -entre a mesma, a representación do Fervedoiro- que, malia ser coutada dalgún xeito coas reformas que limitan o aforo da sala, alí estivo. Dicir tamén que durante varios minutos, de entre os asistentes podíase ler unha lenda que dicía "silencio administrativo + adicacións exclusivas = demisións".

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Comentarios pechados.