Carta ao Conselleiro de Medio Ambiente

Todo apunta a que nestes momentos a única posibilidade de paralización das obras da minicentral da Ermida é a Consellaría de Medio Ambiente. Nós, como colectivo, cremos que non moito máis podiamos ter feito. Non sabemos se todos/as poderán dicir o mesmo. Pola nosa banda, vimos de remitir unha carta ao Conselleiro do Medio Ambiente para, na medida do posíbel, instalo a que atenda a voz do pobo. Velaquí.

Sr. Conselleiro:

Pola presente dirixímonos a vostede sendo conscientes de que a Consellaría que representa é a única esperanza, a día de hoxe, para que o propósito do pobo de Cuntis sexa factíbel.

Como ben saberá, estanse a realizar obras para a construción dunha nova minicentral no Umia, máis concretamente en termos do lugar da Ermida. Este río, un dos máis agredidos do país e obxecto dun plan de rexeneración posto en marcha polo seu departamento, terá unha nova eiva, se ninguén o remedia, no longo camiño cara á súa recuperación; as xa maltreitas augas padecerán unha considerábel mingua na súa calidade –bastante deteriorada, por certo–, e a súa contorna sufrirá un impacto medioambiental irreparábel. Isto non o dicimos soamente nós, dende un colectivo totalmente concienciado co respecto e a conservación da Natureza, senón que outras organizacións de ámbito galego e estatal –incluso a Escuela de Ingenierías Agrarias de Valladolid– o teñen así mesmo considerado. Amais de se comprobaren diversas irregularidades na execución do proxecto da minicentral da Ermida, debemos testemuñar que son numerosas e importantes as desfeitas que acotío acontecen, como a ocupación de camiños veciñais, a tala indiscriminada de bosque de ribeira (carballos, corticeiras, ameneiros, salgueiros,...), a destrución de varios muíños fluviais, a supresión dos caudais mínimos de auga para o aproveitamento por estas construcións populares, a invasión desmesurada de terreos lindeiros coa zona afectada da minicentral, a invasión de camiños públicos, as voaduras de outeiros sen ter en conta o lugar onde se depositan (ou depositarán) os cascallos, as verteduras de entullos no leito do río así como aceites e combustíbeis, a invasión do ecosistema do molusco bivalvo que vulgarmente se denomina Mexillón de Río (Margaritifera, margaritifera), e do que se ten observado até hai pouco algunha colonia en zonas de areais, con auga batida e cun grao de pureza elevado,... Tampouco nos debemos esquecer de que esta nova minicentral só ten un obxectivo, a explotación hidroeléctrica por mans privadas. Até cando sacrificar a Natureza para beneficiar a uns poucos e prexudicar aos moitos?

Cómpre que matine igualmente nos efectos que nos causou, e está a causar, o Encoro da Baxe: por unha banda a eutrofización das augas encoradas, por outra a proliferación da alga tóxica ou cianobacteria Microcystis aeruginosa que non só se localiza arestora nos concellos de Moraña, Cuntis e Caldas de Reis, senón, como ben é sabedor, continúa a se espallar augas abaixo. Proba disto é o Nivel de Alerta 2 decretado pola súa propia consellaría. Cremos que non é preciso dar máis razóns para verificar que o Encoro da Baxe é un desacerto na súa concepción e un fracaso na súa consecución, velaí todo o mal que lle ocasiona ao río do que estamos a tratar. Non hai dúbida de que o único que ha provocar a nova minicentral da Ermida será a multiplicación en grao exponencial dos problemas que vimos de expoñer, e en boa medida a súa execución é contraditoria coas intencións de rexeneración que se pretenden levar a cabo. De facto, moitos dos argumentos que se deron para a oposición á construción do Encoro da Baxe repítense de novo para o caso do da Ermida.

Ante todo o exposto, o que lle pedimos, que non é máis que o que esixen os/as veciños/as afectados/as (de Cuntis e de Moraña, e por extensión de Galiza), é que teña en consideración estas e outras razóns para facer o posíbel por evitar este novo golpe ao noso río. Lembre, á parte, que o caudal do Umia abastece a máis de 100.000 veciños/as non só da xeografía do Salnés, senón tamén de Cuntis, Moraña, Forcarei, A Estrada,...

Pregámoslle así mesmo –en nome propio, dos nosos veciños e veciñas, e estamos certos que da cidadanía en xeral–, se implique no que está a piques de se converter nun novo atentado contra o patrimonio natural, contra o Umia e, en xeral, contra toda Galiza. Precisamos un país que siga a pensar en verde, consciente do valor da paisaxe, do patrimonio vexetal e animal, valente na defensa do único que verdadeiramente é de todos e de todas: a auga, o aire e terra.

Sen máis que atender, agardando tome unha xusta decisión acorde aos acontecementos que relatamos, reciba un cordial saúdo de todos os membros da Asociación O Fervedoiro.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Comentarios pechados.