Sen novidades no Gallo: máis vertidos
Chegamos a un punto no que xa non é novidade falar de vertidos no leito do Gallo, concretamente nunha das dezasete saídas que este afluente do Umia recolle ao seu paso polo centro da Vila do Baño (Cuntis). Onte, e hoxe, de novo a que se atopa xusto debaixo da Ponte de
Madeira na que aínda está a faixa "non matemos as nosas augas" escupía non sabemos qué substancia de cor branco nin de que procedencia.
Xornalistas da televisión pública deste país (CRTVG) interesáronse por esta nova agresión e puxéronse en contacto connosco (como colectivo denunciante neste caso), o que da unha idea da trascendencia dos feitos, que son xa de coñecemento público pola reiteración coa que se producen. Reiteración proporcional á pasividade dos gobernantes con respecto a este tema.
En numerosas ocasións temos dunciado este tipo de vertidos, que non son casos puntuais nin menores, nin se producen en circunstancias dificilmente perceptíbeis. A media tarde, no centro do pobo e á vista de quen queira ollalo. De quen queira, salientamos, porque hai quen se nega a velo e se empeña en mirar para outro lado. Falamos, como non, dos responsábeis políticos de Cuntis encargados desta competencia, que ao tempo que nos ofrecen "diálogo" e nos piden que os avisemos a eles antes que aos medio de comunicación non fan nada para virar esta situación.
Os rumores espallados polo pobo apuntan nunha dirección, que todos sabemos cal é malia non poder aventurarnos a pronunciala por precaución... O Concello de Cuntis, a Consellaría de Medio Ambiente, ámbolos dous ou quen corresponda si teñen na súa man investigar a procedencia destes vertidos e sancionar aos culpábeis para pórlle fin estes feitos. O Fervedoiro non dispón de fondos (públicos) para a contratación de técnicos que poidan estudar este tipo de agresións continuadas ao río.
Con respecto ao discurso propagandístico da Consellaría de Medio Ambiente no tocante á rexeneración dos ríos, nomeadamente o Umia, o que temos que dicir, e dicimos, é que de nada valen as supostas medidas (de tomárense en serio...) de traballo no leito do propio río se non se actúa sobre o que os afluentes como o Gallo levan ás súas augas. De nada vale que se prometa o coidado dun río se se permite a construción de minicentrais, vertidos case diarios, etc.
Estamos fartos xa e exiximos a fin definitiva destes vertidos. O responsábel municipal de medioambiente ten que actuar xa. Ou, se non é quen de deter este tipo de atentados contra o Gallo, demitir! Tan só se precisa un mínimo de vontade, que, polo visto non hai.

