Solucións?

Se esta mesma semana alertabamos do enésimo vertido ás augas do Gallo nos últimos meses, hoxe damos conta dunha nova que lemos nun xornal de carácter local e que apunta á posíbel solución destes continuos vertidos ao río cuntiense.

Trátase dunha medida que anuncia o concelleiro de Medio Ambiente e que recolle o Diario de Arousa de hoxe sábado 22 de setembro. Segundo afirma Manuel Campos, estes vertidos de fecais saen pola rede de pluviais, polo que se sospeita que pode existir unha conexión non rexistrada que leve os residuos fecais ás tubaxes de augas pluviais. Desbota que se deba a un atasco, como noutros casos, xa que agora -segundo el- operarios municipais revisan estas redes dúas veces ao día.

rede de sumidoiros de CuntisAnuncia, polo tanto, un primeiro paso para tratar de investigar a procedencia destes vertidos. Introducirán unha cámara que permita evidenciar se existe algún tipo de conexión da que non se teña constancia e que sexa a causante destes continuos vertidos. Do mesmo xeito, afírmase que se solicitará unha axuda á Consellaría de Medio Ambiente e que, no caso de que sexa denegada, o Concello de Cuntis está disposto a asumir o custo total co fin de rematar con este tipo de agresións medioambientais.

Dende O Fervedoiro saudamos esta medida e considerámola positiva se detrás se agocha a verdadeira e firme vontade que se anuncia. Queremos aproveitar tamén para reiterar unha das razóns que vimos repetindo sempre, que non é outra que a que atinxe á Consellaría de Medio Ambiente no seu traballo de rexeneración do Umia esquecendo os afluentes que levan contaminación ao leito principal. Dende aquí facemos tamén ese chamamento para que a Xunta (nomeadamente esa consellaría) achegue o necesario para estes traballos.

aspecto das augas do Gallo afectadas por algún vertido 

Este paso dos gobernantes responde, estamos seguros, ás denuncias que este colectivo vén realizando cada vez que se producen feitos como os que nos estamos a referir. Durante anos, o silencio era a tónica habitual. Agora, que alguén o racha, a administración non podía seguir ficando impasíbel e mantendo esta situación insostíbel. Non podemos comezar a falar xa de solucións nin da fin dos vertidos ao Gallo, pero si dunha novidade que non se producira até o de agora e que consta da asunción e do recoñecemento do problema e do anuncia da vontade de resolvelo. Gustarianos ver aquí o principio da fin (como algún dixo no seu día... ) da nefasta xestión medioambiental en Cuntis

Seguiremos atentos/as!

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Comentarios pechados.