O tempo segue pasando na Ermida…

...e seguimos igual. Logo dun mes de agosto no que destapamos a situación, situándoa no debate público e á procura dunha paralización que salvara o Umia dun novo golpe letal. O tempo trouxo o esquecemento, non a paralización das obras.

Atopámoslle un oco nos baleiros debates dos plenos municipais de Cuntis e Moraña e conquerimos os pronunciamentos ao respecto dos diferentes grupos políticos. Como era de agardar, paisaxe virxe nas ribeiras do Umia (A Ermida, setembro '07)moita palabra e pouco feito, boa vontade pero nada máis. Todos os medios de comunicación locais, a televisión pública galega e dous xornais de Madrid fixéronse eco das peticións dos veciños, de todos os colectivos que nos pronunciamos e dalgunha empresa afectada. As obras da minicentral da Ermida mantiveron entretidos/as aos nosos políticos/as durante uns días... pero como diciamos, pasou o día e pasou a romaría. Chegou o esquecemento e a nova afastouse da actualidade dos medios de comunicación e, polo que parece, das preocupacións dos nosos dirixentes, pois non tivemos máis novas.

O último que sabemos é que a corporación cuntiense solicitou A Ermida (setembro '07)todo o expediente ás diferentes consellarías implicadas para a súa revisión. Mentres agardamos a súa chegada, e o tempo que sexa necesario para o seu estudo, podemos situanos en quen sabe que mes sen que niguén mova un dedo para deter as obras na Ermida e na Laxe, que, non cansamos de repetir, suporán un novo golpe mortal á xa maltreita saúde do Río Umia. E no caso de que un día puideramos ver os traballos paralizados, quen repón a xa irreparábel desfeita nas ribeiras do río?

maquinaria nas obras da minicentral da Ermida (setembro '07) 

E mentres isto todo acontece, mentres o tempo corre, a maquinaria segue a destruír a paisaxe do Umia e a minicentral para aproveitamento hidroeléctrico privado do noso río vai tomando corpo sen que ninguén faga nada realmente.

obras na minicentral da Ermida (setembro '07)

Dende O Fervedoiro cremos que a nosa conciencia pode estar tranquila porque un colectivo coma este non ten nas súas mans facer moito máis do que se fixo. Non por iso cansamos de lembrarlle a cadaquén o que, ao noso xuízo, ten por facer. Polo río, por dignidade, por coherencia no seu propio discurso, porque en tan só uns meses voltarán a pedirnos o voto.

Á Consellaría de Medio Ambiente: non se pode soster un discurso de rexeneración dun río se se permiten atentados coma este, non se é digno de portar ese nome se se permite a degradación dun espazo natural como da que estamos a falar.

Á Consellaría de Industria (sabemos que as concesións son do goberno anterior) : o aproveitamento privado dun río non se enmarca no interese común (que se supón que é do que ten que coidar) e a paralización dunhas minicentrais si e doutras non supón a discriminación duns veciños, duns pobos, duns ríos...

Aos Concellos de Cuntis e Moraña: a historia repítese (Encoro da Baxe); é impresentábel que que todo isto estea acontecendo pola obtención de licenzas por silencio administrativo.

Aos partidos autoproclamados "de esquerdas": cae o discurso; os nosos bens naturais son esnaquizados para o lucro privado.

Aos grupos municipais de Cuntis: agardamos mocións para o vindeiro pleno, agardamos cando menos a solicitude (e a celebración) dun pleno extraordinario monotemático, agardamos unha posición conxunta que defenda os intereses do pobo.

obras da minicentral da Ermida (setembro '07)

(estas fotos foron cedidas pola Asociación O Arrieiro)

Chuzame! chúzame -

Comments are closed.