Seguimento dos traballos para a fin dos vertidos

No día de onte comezaron, como estaba anunciado, os traballos na rede de sumidoiros cuntienses para detectar a procedencia dos vertidos que con demasiada frecuencia van parar ao Gallo e que en innumerábeis ocasións temos denunciado.

Consisten na introdución dunha cámara nas tubaxes de augas pluviais á procura dalgunha conexión non autorizada, que ao parecer é do que desconfían os responsábeis políticos cuntienses. Dende o interior, o robot envía imaxes ao exterior por medio das cales poder confirmar se estamos perante algunha conexión ilegal que leva augas fecais aos condutos propios das pluviais.

Alén das declaracións do Concelleiro de Medio Ambiente e da Alcaldesa aos medios de comunicación locais, queda pendente agora o informe definitivo da empresa que se encarga dos traballos, que será de onde se tiren as conclusións definitivas e sobre o cal supoñemos que se tomaran decisións.

Temos que saudar a vontade, desta vez si parece que real, da administración cuntiense de pórlle fin a estas continuadas agresións ao Río Gallo. O que agardamos agora é que, en función dos resultados desta invertigación se actue en consecuencia sancionando contundentemente, de ser necesario, ao culpábel ou culpábeis deste tipo de delito. Independentemente de quen se trate: particular ou empresa...

Sen a menor intención de atribuírnos ningún tipo de mérito, si é de recoñecer que sinceramente, e como recoñece hoxe mesmo determinado medio de comunicación, cremos que O Fervedoiro achegou unha pequena parte neste asunto. Cando menos, as constantes denuncias introduciron o problema nos comentarios habituais e fixérono visíbel a ollos dos medios de comunicación. Non sabemos se chamalo presión, pero as continuas denuncias danan a imaxe de calquera administración e tiran por terra calquera discurso de política medioambiental. Será por iso, que, sen dubidar da boa intención do novo concelleiro de Medio Ambiente, para calquera goberno convértese en insostíbel unha situación tal e a procura de solucións tórnase indispensábel.

Iso si, o problema non chegou ao seu fin e confiamos na resolución definitiva, senón todo isto (incluído o investimento) non servirá de nada.

Chuzame! chúzame -

Comments are closed.