Indecentes

O pasado mércores chegou ao Parlamento Galego a construción da minicentral da Ermida, coa oposición que conleva, coa polémica e tamén coas irregularidades entre as que está a nacer.

Na denominada Comisión de Medio Ambiente, as deputadas Carme Cajide (do PSOE e de Cuntis) e Carme da Silva (do BNG) formularon distintas preguntas con, cremos, tamén distintos obxectivos. Cada unha, ao seu xeito , tratando de elidir responsabilidades dos seus respectivos grupos. Non cansamos de repetir que, aínda que foi o goberno do PP quen, en funcións, concedeu a licenza, foi a Consellaría de Industria (BNG) quen paralizando outros proxectos semellantes non o fixo con este e é a Consellaría de Medio Ambiente (PSOE) quen a día de hoxe ten na súa man paralizar as obras. Polo tanto, quen está libre de responsabilidades?

A deputada do BNG solicitou a paralización inmediata das obras de construción da minicentral da Ermidaobras da minicentral, argumentando o irreparábel impacto ambiental que está a producir, a desfeita de camiños veciñais, de accesos, etc. Ademais, introducíu unha nova razón: o expediente sancionador aberto pola Consellaría de Medio Ambiente no seu día foi recurrido pola concesionaria que aproveitará o río (Tasga) e este recurso está aínda pendente de resolución.

Pola súa banda, a deputada cuntiense do PSOE Carme Cajide limitouse, como no, á disciplina de partido. Realizou as correspondentes preguntas para que a Consellaría de Medio Ambiente (en mans do seu partido) expuxera o que quería expor. Ao tempo, defendía a actuación do PSOE (tanto local coma nacional) e aproveitaba para criticar a actitude do PP. O agardado. Recollemos dúas citas interesantes da súa intevención: a primeira é na que recoñece que as obras afectan "con gravidade a propiedades privadas, monte comunal e medio ambiente en xeral"; a segunda é máis cómica xa que asegura que a Alcaldesa de Cuntis e o Conselleiro de Medio Ambiente están a realizar un "seguimento exhaustivo". Parece non lembrase a Sra. Cajide de como se obtivo esta licencia: por silencio administrativo. E do Conselleiro dicir que aínda non temos resposta da carta que O Fervedoiro lle remitíu hai xa varias semanas.

Até aquí podemos afirmar que non atopamos novidades nos posicionamentos dos grupos. Dende o BNG vontade pero sen recoñecer a actuación decisiva da Consellaría de Industria desatendendo este caso, este pobo, este río, etc. E dende o PSOE nubes de fume, centrándose en que foi o PP quen concedeu a licenza estando en funcións, xustificando e loubando a súa actuación no marabilloso mundo que o cambio nos trouxo... pero sen mover nin un só dedo. E nisto, a actuación estelar de José Luis Romero, Director de Augas de Galicia.

Comeza admitindo deficiencias -lóxico, por iso o organismo que dirixe se supón que abríu un expediente!-, pero deseguido asegurou que non eran tan graves como para paralizar as obras. Conclusión primeira: a Xunta permite a construción dunha minicentral sendo sabedora que non se axusta totalmente á legalidade. Segundo el, estanse a analizar as alegacións presentadas e realízanse dúas inspeccións mensuais das obras. Afirmou tamén que existe un compromiso da empresa para corrixir as deficiencias. E para rematar, o habitual menosprezo da administración cos administrados: as críticas dos veciños débensa a que "probablemente están molestos porque consideran que se lles pagou pouco polas expropiacións". Estas declaracións definen perfectamente ao individuo que as pronuncia. Supón que os veciños queixámonos porque ao único que atendemos é aos cartos (como realmente fan eles) e non nos preocupamos polo entorno no que vivimos. Como se todos os que nos opoñemos cobraramos e coma se todo o que rouban-expropian o pagaran! Realmente impresentábel a intervención do Director de Augas de Galicia, que como xa fixo co Encoro da Baxe, vai permitir un novo golpe ao Río Umia.

Estes son os responsábeis medioambientais que nos gobernan. Este é o tan prometido e cacarexado cambio que o bipartito ía supór.

Chuzame! chúzame -

Comments are closed.