Polo río abaixo van…
Pola beira do río, para ser máis precisos. Polas marxes do Umia discorreu esta tarde a dignidade da oposición á minicentral da Ermida. Comprobouse que non eran cinco os que protestabamos por esta actuación política, empresarial, económica,... como afirmou no (Par)lamento Galego o responsábel de Augas de Galiza,... Preto de medio cento de veciños e veciñas, representantes deses máis de 100.000 aos que este río abastece completamos hoxe a pé o Roteiro polo Umia. Do Fervedoiro, do Arrieiro, Esquerda Unida de Caldas, da Asociación do Río Liñares, de Verdegaia... O pobo enteiro sabe da mentira, ou
as "verdades" que nos queren facer crer os políticos. Aquí non hai vontade para nada, só para figurar: eu fixen, ti fixeches. Pero ao final todos fixeron, o que quixeron, de costas aos cidadáns, axudando aos seus, aos amantes do capital, da empresa privada que explota os recursos que son de todos,... Que rebentan unha natureza única da que eles, unicamente eles, se nutren como sambesugas chuchonas,... Cal será a proxima pregunta no (Par)lamento Galego? Cal a proxima explicación? U-la resposta do señor Conselleiro de Medio Ambiente? U-lo diálogo parlamentar coa cidadanía?: Só hipocresía,... Hai que ir deixando facer, que sigan a construír; logo, cando todo estea feito, novas promesas. Rexeneraremos o Umia (pero dende os despachos, onde tanto caloriño fai e se come tan ben cos cartiños de todos/as). Grazas por sabermos que podemos contar con vós, co voso diálogo só hai unha afirmación real: non vos cremos!!! MENTIREIROS!!!
Velaquí o manifesto lido ao remate:
Ano 1995. Falábannos de construír un encoro na aldea da Baxe (Caldas de Reis) que
asolagaría terreos das parroquias de Troáns, San Andrés e Santa Cruz de Lamas. Falábannos dun proxecto pensado para un río da Al-Andalus Ibérica ao que o Umia se tería que adaptar coas súas -coas nosas- condicións e características específicas, diferentes e diferenzadas. Queríannos facer crer que non habería problema en afogar a Ponte do Areal, en matar a Fervenza de Segade, os muiños, o mexilón de río, as ribeiras do noso río, as paisaxes únicas e virxes, etc. Querían que calaramos malia que sabían que tiñamos a razón, dábannola os máis prestixiosos informes técnicos de universidades galegas e do extranxeiro, dos máis coñecedores mestres de todo tipo en diferente materias afectadas por esa irracional
parede de formigón. Mais non só, tamén nola daba a xustiza galega, a española e a europea. Hoxe podemos contemplar os efectos e non é preciso adicar nin un minuto máis ao estado das augas do Encoro da Baxe, mais o que si é fundamental é telo presente e non esquecelo endexamais. Porque a historia repítese.
Criamos que co cambio de dirixentes chegaría tamén unha mudanza nesta política medioambiental consistente en sementar encoros e minicentrais pola Galiza adiante. Ríos mortos e paisaxes esnaquizadas para roubarlle o río ao pobo e entregárllelo a algún empresario amigo que o aproveitará economicamente. Aquí non foi así. Aquí vaise consentir –estase facendo xa- o levantemento dunha nova minicentral no Umia para que unha entidade privada se lucre grazas aos recursos naturais de todos e todas. E isto é máis grave aínda se temos en conta que a propia Consellaría de Medio Ambiente ten recoñecido en máis dunha ocasión a este río como un dos máis agredidos e con máis problemas de contaminación do país.
O comezo dos traballos víuse envolto no maior dos silencios e en irregularidades como a invasión de camiños públicos, etc. O impacto ambiental, a día de hoxe, é xa irreparábel; a destrución do entorno, intolerábel; a violación de paisaxes virxes, inaceptábel. A posibilidade de que en tempos vindeiros calquera tipo de axente tóxico apareza e contamine o leito do Umia xa aquí, como o está a facer augas abaixo, non a pode descartar ninguén. O problema sanitario multiplicaríase deshorbitadamente, e con el, a posibilidade de que chegara ao ciclo de consumo humano. O xeito de evitalo non é outro máis ca atallar o proceso agora, sen máis retraso.
Pero antes de comezaren os traballos confluíron outros dubidosos procederes nos despachos. Tan só o feito de conceder un río (e con el a paisaxe da contorna) a unha entidade privada para que o aproveite economicamente é simplemente impropio dos tempos nos que vivimos e do sistema no que nos queren facer crer que estamos. É inmoral conceder licenzas a esgalla atopándose en funcións, como así o fixo o Partido Popular antes de ser expulsado da Xunta. É inexplicábel anular esas licenzas dependendo do río e da comarca na que se atopan, como así o fixo o BNG dende a actúal Consellaría de Innovación e Industria atendendo e protexendo as paisaxes dezanas e non estas. É obscena a deixazón de funcións da Alcaldía de Cuntis, do PSOE, permitindo que o permiso definitivo municipal fora obtido por silencio administrativo. Son detestábeis as declaracións posteriores que nestes últimos meses ten realizado a rexedora municipal deste Concello.
Por todo o exposto, pero principalmente por dignidade e por sensibilidade co medio natural no que vivimos, por respecto ao Umia –o río máis maltratado do país, non cansaremos de repetilo nunca-, porque como pobo non lle aceptamos aos que xestionan os nosos cartos que non trafiquen cos nosos recursos naturais:
EXIXIMOS
Á Consellaría de Medio Ambiente, que dite a paralización inmediata das obras atendendo á súa obriga de velar pola conservación do medio. Que priorice a nosa paisaxe e os nosos ríos e non os intereses económicos privados.
Aos Concellos de Cuntis e Moraña, que se impliquen realmente neste asunto e que poñan por diante os intereses dos veciños e das terras que representan e xestionan
Aos grupos políticos con representación en Cuntis e Moraña, que antepoñan as terras nas que procuran votos ás disciplinas e aos intereses dos seus respectivos partidos. Que deixen as declaracións baldeiras e o confronto político nos medios de comunicación e se poñan a traballar por para evitar este atentado ecolóxico.
Aos dirixentes públicos e políticos en xeral, que escoiten ao pobo.
Non aceptamos máis excusas. Non podemos permitir que a historia do Encoro da Baxe retroceda augas arriba e se repita anos despois. Temos o exemplo ben preto. Velaquí está a postura da cidadanía, dicíndolle ao Director de Augas de Galicia que a oposición non responde ao descontento dos veciños que consideran que se lles pagou pouco. A oposición responde á dignidade, a oposición non se basea en intereses económicos.
Hoxe, de novo e máis ca nunca, ENCORO NON!

