Imos ampliando

Non ten sido durante este verán o estado do Encoro do Umia obxecto de denuncia concreta pola nosa parte. Non por iso deixamos de telo presente, por exemplo, á hora de esixir a paralización inmediata das obras do Salto da Ermida ou para sumarnos aos colectivos que esixiron a súa demolición para rematar cos problemas de contaminación que causa. Engadimos unha parte máis ao que chamamos ESPECIAIS O Fervedoiro, que comezamos lembrando a historia de construción e oposición a esta obra. Recollemos agora a situación actual achegando imaxes que dan boa conta da realidade esquecida pola Xunta e polos Concellos de Cuntis, Caldas e Moraña. Aproveitamos a chegada das choivas para facer valoración.

A alga microcistina é a protagonista absoluta nas augas encoradas, xunto ao lixo, a leña, a maleza e todo tipo de axentes que ameazan a fauna (especialmente patos salvaxes) que sobrevive no entorno. E parece non interesarlle a ninguén. Ao Partido Popular por suposto que non, pois é o único e directo responsábel da construción e situación actual. O PSOE, que daquela gobernaba nos tres concellos (e segue a facelo) e despois traizoou aos veciños con aquel idílico paseo na zodiac con Cuíña, tampouco está disposto a remediar a situación pois é que ocupa hoxe a Consellaría de Medio Ambiente e non só non corrixe a política de aproveitamento salvaxe dos recursos senón que a multiplica permitindo a construción de máis encoros no Umia. E o BNG, que noutrora foi a máis firme oposición, ten demostrado xa que non ten maior problema en mudar o discurso a convir segundo sexa oposición ou goberno (pacto e silencio, pacto de silencio: así se resume o seu facer diante da construción da nova minicentral da Ermida).

Ademais propoñémosvos un xogo. Botádelle un ollo e, seguindo as ligazóns que se indican, tentade adiviñar se o Encoro do Umia é ou non é dos chamados de abastecemento para a Consellaría de Medio Ambiente. Lembremos que esa era unha das razóns, falsa como todas as demais, que a Xunta do PP argumentaba para a construción da parede de formigón na Baxe. Pero, se é de abastecemento, non cumpriría procurar solucións para desintoxicar a auga e eliminar a alga microcistina?

Chuzame! chúzame -

Comments are closed.