O patrimonio, tirado e esnaquizado

Temos que dar conta dun novo atentado contra o patrimonio histórico en Cuntis, evitábel de haber consciencia e compromiso. Hoxe puidemos comprobar como un esquecido testemuño arqueolóxico de Cuntis xacía fragmentado no chan detrás da casa reitoral de Sta. María dos Baños de Cuntis. Trátase, moi posiblemente, dunha estela "fálica", semellante a outras poucas existentes na Galiza, pero carente da inscrición que dese conta dun acto conmemorativo.

estela fálica romana esnaquizada en Cuntis, 26-11-07Dentro dos pequenos monumentos funerarios da época romana están as estelas, que viñan a ser monólitos erixidos en recordo de algo, xeralmente de tipo funerario e que tiñan un remate, na parte inferior, máis ben redondeada (cipo). Unha columna deste estilo atópase na horta da casa reitoral, hogano xardíns municipais, gardándose antigamente durante moitos anos na citada abacial. Varios arqueólogos cos que puidemos falar e comentarlle os detalles sobre este monólito chegaron á conclusión de que con moita probabilidade a súa orixe fose romana; outros que o puideron ver in situ afirmaron o mesmo (por exemplo Vicente Caramés Moreira: Arqueólogo do Museo do Mar de Galicia), e aínda máis se temos en conta o patrimonio romano cuntiense, os achados desta época atopados en distintas ocasións e o contexto histórico da vila. O piar ten unha lonxitude aproximada de 1’75 m., sendo 60 cm. de cipo. O perímetro da parte superior do piar é 68 cm. (10 cm. de radio aprox.) e, o perímetro, na parte interior do cipo 1’45 m. O que é a columna en si está riscado con estrías de arriba abaixo por toda a súa superficie, e no curuto ten unha entalla na mesma rocha. É de curiosidade que na súa superficie se perciba unha parte menos traballada, moito máis plana, o que nos leva a pensar que a súa finalidade era a de estar arrimada contra unha parede: No entanto a súa mellor labra, de vulto redondo, sería a que observaríamos habitualmente e onde se albiscan as estrías. O cipo é aquela parte do monumento que, como os miliarios romanos, sería soterrado para servir de cimentación ou soporte do resto da peza.

Dende hai tempo varios veciños deste Concello avisaramos ás anteriores Concellarías deestela fálica romana esnaquizada, 26-11-07 Cultura de Cuntis –como hoxe mesmo tamén o fixemos– do valor desta peza e que cumpría fose musealizada ou ben depositada nunhas instalacións apropiadas para que quedase a bo seguro, preferibelmente na Casa da Cultura deste municipio (de non termos un museo local) e para que así a puidesen contemplar tanto os visitantes e como os veciños, ser testemuño didáctico para os alumnos do colexio ou atractivo para os forasteiros. Esta nosa suxestión nunca foi tida en conta –velaí agora as consecuencias. Polo que se ve, cultura, cultura,... normalmente fana os cidadáns e cidadás responsábeis, as asociacións conscientes do valor do patrimonio e da historia, e os concelleiros/as que se comprometen na loitar pola nosa identidade e polo que é noso; mais até o de agora, os que por este Concello pasaron e tiveron tal responsabilidade quixeron mellor mirar para outro lado, ou consideraron quizais que había elementos patrimoniais que molestaban (petróglifos do polígono industrial da Ran, por exemplo), ou ben cumpría tapar as cousas que non axilizasen o desenvolvemento normal dos proxectos (urbanísticos, industriais,...). O turismo sempre é moi deleitoso no panfleto turístico,... pero a realidade moitas veces é outra, non sempre se ve o patrimonio como dende a páxina impresa se nos manifesta. Agardamos novos pulos para a (re)valorización do patrimonio cuntiense, para a difusión da nosa historia, dos valores artísticos da vila e das oito parroquias,... E seremos, dende O Fervedoiro, totalmente intransixentes con aqueles que consideren que esas "pedras" son iso, unicamente pedras que estorban, carentes de valor, xa que iso non é así, elas lígannos ao pasado e asígnannos identidade e compromiso.

A persoa (ou persoas) que tal feito vandálico realizaron non debían ter estas ideas na mente. Para que o monólito tronzase tiveron que saltar enriba del, na parte de menor diámetro, ter un punto de apoio resistente e, polo efecto palanca, tronzar debido tamén á non moi elevada calidade do granito. Aseguramos que isto non foi un simple accidente, trátase de algo premeditado ou, cando menos, intencionado, xa que membros do Fervedoiro puidemos comprobar que outra pedra –esta xa de non tanto valor–, localizada nos xardíns do balneario de Cuntis foi envorcada. Nela dábase conta da existencia alí –outrora– dunha burga, como pon a súa inscrición.

Solicitamos ao Concello de Cuntis se investigue tal feito, se restaure a referida peza histórica e se protexa nunha digna instalación.

Chuzame! chúzame -

Comments are closed.