Xohán Xesús González: túa é a rúa!
Unha das primeiras iniciativas do Fervedoiro atopou onte resposta: Xohán Xesús González xa ten o seu nome nunha rúa da Capital Galega. O pleno Municipal aprobou onte o nomeamento de varias vías que dende xa levarán o nome de ilustres do noso país. A valoración que facemos non pode ser máis positiva, porque ademáis de ver o recoñecemento para o canteiro de Sebil, Fraga Iribarne non porá o seu nome en rúa ningunha de Compostela.

O 20 de xullo de 2006 rexistrabamos no Concello compostelán a proposta para que Xohán Xesús González obtivera este recoñecemento na cidade na que desenrolou a maior parte da súa actividade como avogado, xornalista e escritor. Facía isto parte dun traballo de recuperación da súa figura que, dende o nacemento deste colectivo, ficou nas miras e obxectivos a conquerir. Aproveitamos para lembrar que ese traballo segue vivo pois o seguinte obxectivo, xa prantexado, é que se lle honre co Día das Letras Galegas do ano 2009.
Polo medio, o seu pobo natal recoñecía (non sen atrancos) a súa memoria tamén a iniciativa do Fervedoiro dándolle o seu nome a outra rúa da Vila do Baño en abril deste mesmo ano.
Segundo puidemos saber, Xohán Xesús González é parte dunha xeira de máis de sesenta nomes que dende onte estarán presentes no rueiro compostelán. Entre eles, salientamos os de Simón Bolívar, Antón Vilar Ponte, María Mariño, Isaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo (padriño de honra na nosa presentación, parabéns!!), Andrés Dobarro, Voces Ceibes, Xeración Nós, Zeca Afonso, etc. Temos que sinalar que nos parece, cando menos sorprendente, que os tres grupos municipais se adxudiquen os méritos de todas as propostas. É dicir, Xohán Xesús González, e coma esta moitas outras propostas, foi unha iniciativa social ou cando menos non política. Sonnos coñecidas estas formas, pois en Cuntis xa viramos esta práctica.
Pero o fondo da cuestión é que o obxectivo está cumprido, tampouco tiñamos especial interese en sermos recoñecidos como impulsores da proposta e si en vela feita realidade. O que demandamos é que se normalicen este tipo de ideas que parten do pobo e que dunha vez por todas se borre esa imaxe de que os/as políticos/as son os dinamizadores e responsábeis de toda actividade. Nunha palabra, facer realidade o tan repetido xesto de que “escoitaremos as propostas cidadás”, “a cidadanía participará nas decisións”, etc.
Para rematar, non podemos deixar de manifestar a nosa ledicia porque Manuel Fraga Iribarne non vaia inscribir o seu nome á beira dos que vimos de citar. Nun momento no que a cidadanía, e as propias leis, reclaman a retirada da simboloxía fascista, non era lóxico coller a dirección contraria e incrementala.
chúzame -