Demandamos información sobre a instalación de redes inarámicas en Cuntis
O pasado venres, 30 de novembro, rexistrabamos no Concello de Cuntis unha nova suxestión na procura de sermos partícipes das decisións que afectan á veciñanza deste pobo. Referímonos, en concreto, á iniciativa anunciada dende a administración cuntiense de instalar redes inarámicas co fin de espallar a internet sen fíos a varios puntos do noso municipio.
No mes de agosto, concretamente o día 28, coñeciamos o anuncio da implantación do servizo de Internet sen fíos a varias aldeas do rural cuntiense. Isto será posíbel grazas á tecnoloxía wifi e wimax, que supón a instalación de varios puntos con posibilidade de convertérense en puntos de contaminación electromagnética. Sendo conscientes dos graves prexuízos que isto podería supor para a saúde das persoas, para o medio e incluso de posíbeis alteracións en seres vivos (demostradas por estudos do propio sector) fixemos un traballo de recollida de información que achegamos co propio documento.
O documento en si, sinalando en primeiro lugar que somos sabedores dos beneficios que reportará esta iniciativa cando sexa unha realidade, fala da necesidade de realizar os estudos previos que teñan en conta todos estes posíbeis prexuízos. Relatamos tamén as mobilizacións que se teñen dado noutros puntos da xeografía estatal e incluso ben preto nosa, en Moraña, onde a instalación de antenas de telefonía móbil é relacionada directamente coa proliferación de enfermidades graves entre os veciños e veciñas. Por todo iso, e tendo en conta o importante volume de información que achegamos, esiximos aos nosos gobernantes que prioricen a saúde das persoas e teñan moi presente as conclusións de numerosas conferencias internacionais, que alertaron en moitas ocasións dos irreversíbeis danos da contaminación electromagnética.
Tamén ten oco outro dos factores responsábeis dos prexuízos que este tipo de infraestruturas causan: a desinformación e o descoñecemento que a sociedade ten (temos) arredor deste tipo de contaminación, non visíbel pero perigosa como a que máis. Esta mesma semana vai ter lugar en Cuntis unha xuntanza informativa á que están (estamos) convidadas veciñas e veciños do pobo, que valoramos positivamente, como non podía ser doutro xeito. O que demandamos é que nesta conferencia se inclúa información sobre o que estamos a falar, non só sobre os beneficios dos que poderemos gozar senón os prexuízos aos que imos estar expostos. Non é a nosa intención alarmar, senón concienciar de que isto é unha realidade descoñecida pero que aí está, e é preciso previr e informar.
chúzame -