Agora, neumáticos
Temos que facer unha paréntese na "previa" futboleira para retomar o sendeiro da denuncia. Desta volta puidemos descubrir máis de medio cento de neumáticos tirados no monte na zona da Ponte Taboada, moi preto do Río Umia.
No camiño que discorre paralelo ao curso do río, na súa beira dereita con rumbo ao lugar do Penedo, están localizados os citados pneumáticos que, superando o medio cento, invaden parte da aba dese monte rumbo ao río. Soamente se atoparon estes elementos contaminantes, non hai electrodomésticos nin outro tipo de verteduras o que nos fai cuestionarnos quen pode trasladar até alí, nun camiño sen tránsito, cunha furgoneta obviamente, tales elementos: alguén desleixado dalgún taller ben de Cuntis, ben de Moraña e que coñece a zona? Evidentemente un particular non o fai: quen almacena ducias de pneumáticos na súa casa para logo vertelos no río? Ninguén. Por outra banda, quen guindou alí os cauchos fíxoo recentemente, xa que nin existen silveiras que os cubran, nin están cheos de follas, nin hai cando menos acumulación de auga no interior de cada un deles,...
Está claro que este atentado ao medio é un feito recente e, hoxe pola mañá (día 17), un membro do Fervedoiro púxose en contacto co Concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Campos Velay, para achegarlle información deste asunto e para que dende a súa concellalía se responsabilicen e comprometan coa retirada, o máis axiña posíbel, de todos aqueles pneumáticos, en beneficio do medio natural, do noso patrimonio e co obxecto a recuperar os nosos espazos de historia.
Campos Velay informounos que ía poñer todo isto en coñecemento do policía municipal, para logo da elaboración do informe, dar conta á Consellaría de Medio Ambiente e que eles se encarguen de retiralos.
chúzame -