A resposta
Onte sábado tivo lugar a presentación en Cuntis do DVD "1996-2006: Dez anos luitando por Galiza", editado por Siareir@s Galeg@s e no que se recollen os dez ultimos anos de reivindicación da oficialidade das nosas selección. A Casa da Cultura "Roberto Blanco Torres" encheuse para asistir ao acto e dar mostra do compromiso popular en prol do noso dereito a competir internacional e oficialmente en todas as modalidades deportivas. A resposta está sendo máis ca satisfactoria!
Ao acto foi convidado o ciclista de Teo do Karpin Galiza Ezequiel Mosquera, que puxo de manifesto a vital importancia dos equipos nacionais para que os nosos deportistas teñan o lexítimo dereito a competir en igualdade de condicións ca todos os demais. Centrouse especialmente no caso concreto do ciclismo, no que o equipo profesional galego non é unha selección nacional entendida como tal pero que fai posíbel que os ciclistas novos teñan unha oportunidade para demostrar a súa valía como profesionais. Temos que salientar de Ezequiel Mosquera que a súa valía profesional vai parella da que como persoa amosou, chea de sinxeleza e humildade.

Tamén puidemos coñecer da man do compañeiro da Asemblea compostelá de SS.GG. a historia do colectivo e os principais actos que se viñeron celebrando ao longo destes anos. Por enriba de todo, ímonos quedar cunha frase coa que poderiamos resumir boa parte do movemento social en prol da oficialidade deportiva de Galiza: "Nós tamén queremos poder facer o ridículo como os españois e perder en cuartos".
Para rematar, e como adoitamos facer sempre, quixemos deixar o noso posicionamento ao respecto. O acto pechouse coas imaxes do DVD e coa entrega como agasallo do mesmo a Ezequiel Mosquera.Pola nosa banda, tan só salientar que a demanda de entradas para a viaxe do vindeiro xoves superou todas as previsións. Máis de noventa persoas é nestes momentos a nova marca que a falla de catro días temos. A esta hora están amplamente superadas as expectativas e os números do ano pasado quédanse xa moi curtos. Sen máis comentarios.
chúzame -