En movemento, a 120!
Polo chan as marcas do ano pasado. Case setenta persoas, máis de medio cento delas en bus, son números que quedan lonxe xa a día de hoxe para a viaxe de mañá a Vigo. Este ano, para estar á beira das Seleccións Galegas de futbol (masculina e feminina), o Fervedoiro vai mobilizar a 120 persoas de toda a comarca, 80 delas en dous autobuses que partirán dende O Baño. Aí queda iso.
O sábado pasado comezaban os nosos actos con motivo dos encontros das nosas equipas nacionais de mañá xoves en Balaídos. Presentabamos o DVD editado por Siareir@s Galeg@s no que se recolle a última década de reivindicación da oficialidade das nosas seleccións nacionais. Contabamos coa presenza dun dos máis grandes do noso deporte actual, Ezequiel Mosquera, ao que non podemos deixar de agradecerlle a súa asistencia nin insistir en salientar a súa humildade e valía como persoa.
Mañá comezaremos a xornada cun xantar como así fora o pasado ano. Despois do mesmo, sairemos cara a Vigo envoltos na festa e na reivindicación que presidíu a viaxe do pasado ano. Asistiremos á manifestación nacional convocada por SS.GG. que terá lugar entre os dous encontros e cuxo eixo central será a reclamación da oficialidade para as nosas seleccións nacionais en todas as modalidades deportivas.
Alí estaremos!
chúzame -