Agradecidos

A Casa da Cultura "Roberto Blanco Torres" de Cuntis quedouse pequena para acoller a primeira das presentacións que se farán por todo o país da obra de Xosé Luna "No Pazo de Laiovento Conversas con Francisco Pillado Maior". Ben agradecidos/as que estamos a cantos/as asististes!

Héitor Picallo, Xosé Luna, Francisco Pillado e Miguel Anxo Fernán Vello 

Conformamos unha mesa de auténtico luxo: o autor da obra Xosé Luna, o protagonista Francisco Pillado e o editor Miguel Anxo Fernán Vello. Entre os/as asistentes puidemos atopar a ilustres da cultura da comarca e do país, así como amigos e amigas, veciños e veciñas das terras da redonda.

Comezou Miguel Anxo Fernán Vello, presidente da editorial Espiral Maior, falando do paradoxo que se daba. Malia que cada un no seu papel, os tres citados son editores e sen maior problema poderían cada un intercambiarse os roles. Salientou a amizade entre eles, afastada de inútiles competencias. Rematou citando unha crítica de Manuel Bragado sobre o libro coa que, curiosamente, pechaba o paradoxo ao engadir á listaxe de amigos editores ao presidente de Edicións Xerais.

Xosé Luna e Francisco PilladoFoi logo a quenda de Xosé Luna, o autor estradense que onte amosaba a súa face de escritor (de entre as de editor, mestre, poeta, etc...). Temos que precisar que quizabes se excedeu nas loubanzas que nos adicou e que agradecemos fondamente. Dito isto, de seguro ca ninguén mellor ca o seu autor para presentar calquera obra, e este é o caso. Achegounos momentos, sensacións e impresións deses meses de conversas entre autor e protagonista que discorreron entre Miño, A Estrada e Compostela e que deron como froito a obra. Cinco capítulos que, máis dunha vez na noite, colleitaron diversos cualificativos. Entre eles quedámonos cun, un dos máis repetidos: valente. A achega do pai da obra foi poético, que nos sorprendeu até que explicou que a persoa de Francisco Pillado non pode separarse da musicalidade. Fermoso!

Pola súa banda Francisco Pillado Maior amosouse ledo polo froito no que se convertera unha proposta que, recoñeceu, ao principio non o convenceu. Da súa interesante intervención salientamos unha afirmación que compartimos plenamente: "nunha cultura normalizada, Miguel Anxo Fernán Vello sería un firme candidato ao Nobel de Literatura". Coma esta, non aforrou loubanzas para os seus compañeiros de mesa, incluíndo ao noso compañeiro Héitor Picallo, que presentou aos tres protagonistas. A mostra de xenerosidade e agradecemento fano máis merecente aínda de cantos méritos ten recoñecidos e por recoñecer.

Manoele de FelisaPara pechar o acto, o artista cuntiense Manoele de Felisa deixou mostra do seu talento musicando varios poemas dos protagonistas da noite. Dificilmente se lle podería pór mellor remate a un acto coma este. Tamén lle quedamos ben agradecidos.

Dende O Fervedoiro, tan só agradecer a todos e todas que asististes así como a Xosé Luna e Francisco Pillado, a Fernán Velloe a Espiral Maior por escoller Cuntis e confiar en nós para dar comezo á rolda de presentacións que por todo o territorio nacional han dar a coñecer "No Pazo de Laiovento. Conversas con Francisco Pillado Maior".

Xosé Luna e Francisco PilladoMiguel Anxo Fernán Vello

Chuzame! chúzame -

Comments are closed.