Churumbel Teatro: dende Merza a Cuntis
Este vindeiro domingo imos darlle continuidade a un comezo de ano de alto nivel cultural en Cuntis. Logo do esplendoroso acto do pasado día catro, teremos connosco ao Grupo Churumbel Teatro, dende as terras de Merza para representar "Parodia futurista: ollada a un futuro posíbel" no Centro Sociocultural Xosé Raído Patelas.
A hora é as sete da tarde e a entrada, coma sempre, de balde. Procuramos achegar o teatro gratuitamente ao pobo. Contamos para iso coa colaboración da Asociación Cultural O Arco (Merza), que agradecemos.
Churumbel Teatro leva sete anos a funcionar dentro da súa escola dramática, e sempre cun enfoque ou perspectiva do uso didáctico do teatro como ferramenta de crecemento e mellora persoal, de autoestima, aprendizaxe e superación dos medos. A través do mundo da escena os compoñentes deste grupo buscan afrontar as súas dificultades de expresión, adquiren confianza en si mesmos e encontran en cada peza un reto diferente que superar, ademais de gozar do teatro como manifestación cultural de primeira orde: velaí o valor pedagóxico e educativo que moitas editoriais (por exemplo Fervenza dende a colección A Pinguela: Teatro para ler e representar) e loxicamente un enorme número de dramaturgos buscan con estas actividades. O realmente importante é o progreso e a evolución de cada persoa, como superar os seus puntos de partida; o resultado escénico e interpretativo sitúase nun segundo plano, o realmente valioso no grupo é que o teatro constitúe unha canle de formación integral e mellora da persoa, sen renunciar a un xeito lúdico de elevadísima calidade. Estas son, entre outras, varias das pretensións do propio Ramón Molina, autor da peza e director deste grupo teatral das terras de Vila de Cruces.
Os decorados e a escenografía corren a cargo de Lía Cotón Molina.
Composto por 24 membros (de idades comprendidas entre 10 e 37 anos), Churumbel Teatro estará en Cuntis o vindeiro 20 de xaneiro para lle amosar ao público a súa nova peza cómica –pero moralista– ao que están todos/as os/as cuntienses convidados/as. O acto será totalmente de balde, polo que dende O Fervedoiro animamos a todos/as a asistir á representación desta fermosa peza dramática.
Para achegar algo máis sobre o director da compañía teatral, diremos que Ramón Molina Gómez é educador social e pedagogo, quen ten entre outros seus obxectivos procurar o impulso do denominado "teatro social", no que a obra non é o fin senón o medio para acadar obxectivos cohesionadores interxeracionais e de integración, ademais de esoutros beneficios anteriormente citados. Velaí fica, igualmente, o traballo que desenvolveu na UMAD: Unidade Municipal de Atención ao Drogodependente de Santiago de Compostela, na cal o teatro serviu de ferramenta terapéutica e recuperadora das/dos usuarias/os da citada unidade.
chúzame -