Visitas de rigor: achéganse as eleccións!

A nosa vertente cultural, que neste comezo de ano amosamos con máis intensidade, non nos fai esquecer un dos nosos sinais de identidade: a denuncia. Un dos argumentos que máis temos repetido dende o noso nacemento é o desleixo que padece o río Gallo, as depuradoras de Cuntis e en xeral a parcela mediambiental. Con todo, temos que recoñecer avances dende a entrada do novo responsábel pero non podemos, con isto, conformarnos.

Anunciouse a procura de solucións para pór fin aos continuos vertidos ao Gallo mediante a inspección cunhas cámaras que introducidas polos sumidoiros informarían definitivamente sobre a procedencia dos atentados periódicos contra o leito do noso río. Seguimos agardando polos resultados, mais intuímos (ao igual ca maioría da veciñanza), que a entidade que podería ter responsabilidades é demasiado "importante" (organiza congresos internacionais...) como para acusala directamente e incluso sancionala.

Do mesmo xeito, realizáronse as obras por parte da Consellaría de Medio Ambiente do saneamento integral da vila, dende o Espadenal até Meira. Deberiamos pór entre aspas o de "integral" pois sería discutíbel este extremo. Estes traballos téñennos ofrecido algunha 4 de outubro de 2007imaxe curiosa como os azudes (verdadeiras paredes de formigón que atravesan o río polo seu propio leito, entorpecendo o discorrer das augas) no Parque do Castro e as súas consecuencias habemos poder comprobalas cando -agardemos que non!- teñamos que enfrontarnos ás típicas enchentas de inverno máis ou menos intensas. Polo de agora, podemos dicir que algunha rúa como a Bernardo Sagasta, despois do asfaltado, garda un "efecto bañeira" que provoca pozas que co paso dos coches pode chegar a "molestar" (enténdase bañar, pór a pingar, mollar, etc.) a algún ou algunha viandante.

Esta mañá visitou O Baño o Delegado Provincial da Consellaría de Medio Ambiente, concretamente as obras que na marxe do Río Gallo consisten na instalación de "valla de 300 metros", "seis bancos de madeira", "seis papeleiras" e "doce báculos de luz". Neste sentido, o último que sabemos da depuradora de Meira (parte imprescindíbel do que din que é a nova política mediambiental en Cuntis) é que estaba a funcionar "en probas". Sabemos tamén, pola prensa local, que previamente mantivo unha xuntanza con responsábeis municipais.

Dende O Fervedoiro o que esiximos é que se esquezan da proximidade das eleccións e que se deixe de utilizar a política de fotos para substituír a ineficacia na resolución dos verdadeiros problemas. Referímonos á propia EDAR de Meira, que estes días puidemos vela desbordada e sen cumprir a súa función, co cal as augas residuais seguen "río abaixo". Referímonos tamén á conservación real (sen prexuízo da instalación de mobiliario) dos espazos naturais e en concreto dos ríos e regatos. Referímonos a pararlle os pés a calquera que sexa a empresa que está a agredir o medio (que as hai!). Referímonos a non "facerlle o xogo" a estas multinacionais poñendo ao seu servizo a totalidade das instalacións culturais municipais privando ao cidadán do seu uso (esta pasada fin de semana "secuestrouse" o Centro Sociocultural "Patelas" e as cadeiras da Casa da Cultura Roberto Blanco Torres para a celebración dun congreso internacional promovido por quen usurpou un ben público).

Para rematar, non sabemos se nesa visita se falaría da construción da Minicentral da Ermida, afogada no silencio (tamén no administrativo) por pacto municipal (a ningúen lle interesa?) dende aquel pleno de hai uns meses no que se puxo moito ímpeto verbal pero pouca vontade real. Como non somos mal pensados, estamos seguros de que o asunto si foi tratado polo que demandamos que se informe ao pobo das conclusións e avances producidos no camiño da paralización das obras e no da resolución do expediente que segue aberto (sen prexuízo de que continúen os traballos!). Para a próxima (que a haberá antes do 9 de marzo), gustarianos que nos avisaran para trasladarlle a resposta que recibimos de Augas de Galicia, da que de seguro é coñecedor e nos pode aclarar algún extremo da boa literatura que practican na súa Consellaría.

Chuzame! chúzame -

Comments are closed.