Teatro para reflexionar e compromiso contra a deriva dunha sociedade
Onte pasou por Cuntis algún actor ou algunha actriz que nun futuro non moi lonxano (menos de 600 anos, de seguro!) formarán parte do panorama escénico galego e serán recoñecidos/as polo seu talento. Churumbel Teatro presentounos “Parodia futurista: unha ollada a un futuro posible”, de Ramón Molina. Só podemos darlle os nosos parabéns a todos e todas as compoñentes que forman parte do grupo teatral de Merza.
Trasladáronnos a 2608, levándonos sen movernos das cadeiras seiscentos anos cara adiante para ver o que podería ser a vida para daquela. Non é esta peza unha obra cómica máis que mantén entretido ao público durante a hora de representación (que se fai curta) e a análise que se tira despois inclúe só os agudos chistes que se salpican ao longo da obra. Fainos reflexionar sobre cara a onde se dirixe a humanidade co rumbo que leva. Preséntanos un contexto no que a solidariedade ou a capacidade de superación son cualidades descoñecidas, os animais aparecen humanizados e os humanos robotizados. Mais mantén algúns trazos que nos son coñecidos: ditadores desequilibrados con pretensións de dominar o mundo, unha economía medida en “eurodólares”, etc. Co que nos quedamos é coa necesidade, que para daquela se mantén, da resistencia fronte ás pretensións imperialistas baseadas en exércitos máis ou menos preparados. Pero como non todo ían ser preocupacións, quedamos confortados con saber que dentro de seis séculos seguiremos a falar na nosa lingua e estará máis viva ca nunca outra das nosas sinais de identidade: a retranca.

Moi recomendábel, sen dúbida! E ben agradecidos/as que estamos con que os e as compañeiras de Churumbel Teatro tiveran a ben achegarse a Cuntis, ao Centro Sociocultural “Patelas”, para facernos viaxar no tempo e reflexionar sobre o que podería ser o futuro desta especie que co paso do tempo no amosa síntomas de mellora.

chúzame -