9 de febreiro: Xosé Manuel Beiras
Vai ser unha data a marcar en vermello no almanaque do Fervedoiro, a lembrar por sempre. Vai ser o día no que teñamos connosco ao referente político máis importante deste país dende Afonso Daniel Rodríguez Castelao. O peche musical do acto ha ser tamén de luxo: Roi Casal, de Milladoiro.
SÁBADO NOVE DE FEBREIRO. SETE E MEDIA DO SERÁN.
CASA DA CULTURA "ROBERTO BLANCO TORRES". CUNTIS.
Xosé Manuel Beiras vai ofrecer a conferencia "Colonialismo interior", libre e de balde ao igual ca todos e cada un dos actos que organiza O Fervedoiro. Pouco se pode dicir para presentar a Xosé Manuel Beiras. Nado en Compostela en pleno 1936, é de seguro un dos mellores coñecedores dos problemas que coutan o espertar da nosa nación e que durmen aquí e alá. Licenciouse en Dereito na Universidade de Compostela, mais un dos terreos nos que máis salientábel é Beiras é o eido económico: a súa especialidade. Exerceu como mestre de Economía Política en Madrid (1960-1963) e posteriormente estudou na londiniense London School of Economics. Sempre vencellado á docencia universitaria, obtén en 1970 a cátedra de Estrutura Económica na Faculdade de Económicas da USC.
O seu papel como líder do movemento nacionalista galego -do verdadeiro!- comezou a xestarse en 1963, cando se convirte en membro fundador e Secretario Xeral do Partido Socialista Galego (PSG) na clandestinidade. É o responsábel dos contactos con outras forzas europeas semellantes e encárgase da representación do seu partido no Consello de Forzas Políticas Galegas. Non podemos deixar de citar a súa actuación como Decano da Facultade de Económicas da USC en 1972, en plenas loitas estudantís, cando impedíu a entrada da policía e sendo o máis importante valedor dos propios estudantes, incluso dos detidos nas comisarías.
Xosé Manuel Beiras está presente na constitución do BNG, sendo determinante no proceso de inmersión deste partido na sociedade galega, é o seu verdadeiro líder e máis destacábel figura no Parlamento Galego dende 1985 até hai só tres anos. O seu liderádego é recoñecido internacionalmente e o seu esplendor político vai parello ao despegue desta forza (daquela nacionalista...) até consolidarse como a segunda en votos e deputados de Galiza situando o teito en asentos no Pazo do Hórreo. Dende aí, diversos movementos internos na formación que non son de tratar nin valorar aquí deron coa substitución de Beiras á fronte do BNG deixándoo noutras mans con outras miras e obxectivos. Nese punto comeza, obxectivamente, a caída do partido no referido a apoio eleitoral e incluso, atrevémonos a dicir, claridade ideolóxica. Mais Beiras non saíu do BNG, lidera unha corrente interna chamada Encontro Irmandiño orientada a manter aqueles principios que significaran ao BNG e que o levavan polos vieiros de poder chegar a liderar o verdadeiro cambio en Galiza, non este.
Xosé Manuel Beiras, político e economista, é tamén un dos escritores de referencia na nosa literatura contemporánea. Ten traducido á nosa lingua numerosos ensaios que contribúen a facernos entender a realidade socioeconómica do país. Ten colaborado en publicacións galegas e internacionais de referencia situando, este si, a Galiza nos debates verdadeiramente interesantes e de proveito, non só nos superficiais e nominativos que nos queren facer entender como trascendentais. É autor de obras como "Por unha Galicia Liberada", "Prosas de combate e maldicer", "O atraso económico da Galiza", etc. e protagonista de "A nación incesante. Conversas con Xosé Manuel Beiras".
Na actualidade, podemos aprender cada domingo no xornal Galicia Hoxe, no que se lle garda un espazo no que bota luz arredor de diversas temáticas, todas elas con Galiza como eixo común. Podemos atopar tamén unha escolma imprescindíbel dos seus artigos no portal Altermundo.
O vindeiro nove de febreiro, en Cuntis, outra clase de Xosé Manuel Beiras: "O colonialismo interior". Unha visión da realidade socioeconómica galega dende unha perspectiva antiimperialista. E todo isto co peche musical de Roi Casal, integrante dun dos máis senlleiros grupos da nosa música, Milladoiro.
chúzame -