Manifestación de “Galiza Non Se Vende”

Gailza non se vende é a rede nacional de colectivos contra a destrución do noso territorio. O vindeiro 17 de febreiro vai ter lugar en Compostela a manifestación que simbolizará o existir desta plataforma. Vai ser un acto para berrar contra as actuacións que dende a costa até o interior, dende os ríos ás rías e dende os montes aos vales están a destruír salvaxemente a nosa paisaxe para beneficio dos poderes económicos e en estreita colaboración e co consentimento dos e das gobernantes.

cartaza da manifestación do 17-FO Fervedoiro é un dos máis de sesenta colectivos que conforman GNSV. Como tal, estamos entre os convocantes da mobilización do 17 de febreiro e estaremos presente na mesma formando parte do que xa se deu en chamar "cidadanía autoorganizada" que loita contra os ataques ao medio no que vive. Un dos obxectivos de nacemento da plataforma foi o de darlle carácter galego a cada unha das loitas que a nivel local son numerosas en todos os puntos da nosa xeografía contra actuacións que supoñen agresións á nosa paisaxe. Así, por medio da web de Galiza Non Se Vende, dende o Fervedoiro denunciamos por exemplo, a construción da minicentral da Ermida ou o estado do Encoro do Umia e incluso o do propio río.

Non son poucas as actuacións que teñen como protagonistas a empresas "colonizadoras" que desprezan a nosa paisaxe e a nós mesmos para asentarse en nome dunha suposta política de progreso que resulta absolutamente insustentábel. Asímesmo, culpábeis son tamén administracións locais ideando PSOMs ou outras leis urbanísticas totalmente disparatadas e sen ter en conta o factor medioambiental. Mais tamén a propia Xunta e o Goberno Central (tamén colonizador?) proxectan sen atender opinións dos veciños nin criterios de sustentabilidade medioambiental.

É polo que, dende O Fervedoiro, non podemos ficar alleos a un movemento tan importante a nivel nacional e xusto medioambientalmente. Porque a preocupación non pode ser para nós só o que está acontecer (o que están permitindo que aconteza) na Ermida. Somos sensíbeis ao que pasa en Lugo e ás loitas na defensa do Parque Rosalía, a cada un dos movementos en prol da defensa das nosas rías e contra a marea de cemento que asolaga o noso litoral, contra os recheos e as depuradoras que pensaron para Bouzas ou para o Lagares, á beira dos veciños do norte rexeitando a instalación na Ría de Ferrol da pranta regasificadora de Reganosa, contra as variantes depredadoras de Noia ou Outes, en Monteferrro, o Courel ou a Serra da Groba, etc. Porque o que hoxe pasa lonxe mañá podesmo telo enriba!

Xa está dispoñíbel o manifesto, que podedes asinar todos e todas ...por unha terra viva e digna para tod@s!!!!

Chuzame! chúzame -

Comments are closed.