En marcha a Campaña de Normalización Lingüística en Cuntis ‘08
Vimos de rexistrar no Concello de Cuntis o documento da CNLC '08 (Campaña de Normalización Lingüística en Cuntis '08), que se compón dunha escolma de medidas que consideramos perfectamente asumíbeis e executábeis. Esiximos que dunha vez por todas se poña en funcioanamento o último termo do tan extenso nome da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude, Deporte e Política Lingüística. Así como acollemos de bo grao a súa creación, non podemos senón denunciar a súa parálise no tocante a promoción do noso idioma medio ano despois do seu nacemento. Non esquezamos que polo medio hai unha cuantiosa dedicación exclusiva...
Cremos que nin necesario é explicar o porque desta iniciativa, pois o noso compromiso coa lingua e co proceso normalizador é innegábel. O obxectivo xeral da campaña é presentar unha serie de propostas e medidas encamiñadas á promoción e difusión do idioma propio de Galiza nas nosas terras. Para iso artellamos un documento baseado en varios piares fundamentais, por exemplo, a toponimia. Confiamos en que a acollida por parte da Corporacion Municipal sexa positiva e a toma en conA seguir resumimos cada un dos puntos dos que se compón o devandito documento:
1. Medidas encamiñadas á conservación e protección da nosa toponimia. Demandamos que se establezan os contactos necesarios coas administracións pertinentes para corrixir de inmediato a sinalización viaria que contén formas incorrectas, tales como *La Estrada, *San Mamed, etc. Neste mesmo punto encadramos a recuperación oficial do verdadeiro e orixinal topónimo da capital municipal: O Baño, que foi substituído durante a Ditadura Franquista polo nome que designa a todo o municipio (Cuntis). Aínda hoxe non son poucas as persoas maiores que seguen referíndose ao Baño para falar da capital municipal, como así debe ser se nos atemos ás raíces etimolóxicas. A conservación do noso patrimonio inmaterial (toponimia, por exemplo) é un outro xeito máis de recuperar a nosa memoria.
2. Aínda nos eidos da toponimia, consideramos moi necesaria a correcta identificación dos lugares de todas e cada unha das parroquias do noso municipio. Instamos ao Concello de Cuntis a que instale en cada núcleo de poboación paneis indicativos que conteñan o nome (loxicamente na súa forma correcta!) da aldea e a parroquia á que pertence. Isto é unha grave carencia e non debería ser a estas alturas unha esixencia pois poucos son os concellos da contorna que aínda non procederon á instalación destes indicadores, o último o de Moraña. O traballo completo levaríase a cabo se se identificara tamén a microtoponimia de cada lugar.
3. Creación dunha praza de normalizador/a lingüístico/a. Consideramos que co nacemento deste servizo a promoción da nosa lingua collería novos pulos e estaríase ao mesmo tempo creando postos de traballo. Propoñemos incluso que se contemple a posibilidade de crear este servizo a nivel comarcal, aproveitando que tanto a Alcaldesa como a Tenente de Alcaldesa do Concello de Cuntis ocupan os máis altos cargos da Mancomunidade Ulla-Umia. Deste xeito, unha proposta que nace en Cuntis podería beneficiar a toda a comarca. Mais sen esquecer que o obxectivo primeiro sexa a creación desta praza a nivel municipal, deixando a opción comarcal como secundaria. É perfectamente factíbel porque moitos outros concellos galegos contan xa cun/ha normalizador/a lingüístico/a.
4. O Concello debe multiplicar a colaboración co sector comercial e empresarial no eido lingüístico, aumentando as axudas, a formación e a información para que as rotulacións e demais efectos publicitarios e propagandísticos sexan integramente en galego.
5. A diferenza do punto anterior, no que entendemos que o Concello debe promover, cremos que do mesmo xeito debe esixir que as relacións con calquera empresa que traballe para a administración local ou sexa contratada por esta teña presente o galego. Entendemos que nin un só euro dos fondos públicos debe pagar un traballo feito ou un servizo prestado por unha entidade que non contribua na promoción da nosa lingua. Este tipo de relacións entre concello de Cuntis e empresas han ser totalmente en galego, e o emprego da nosa lingua debe ser un factor determinante nas adxudicacións e concursos públicos dependentes da nosa administración local.
6. Apoio expreso e oficial á reclamación dun dominio galego na rede que identifique a nosa lingua e a nosa cultura en Internet (“.gal”). A entidade que encabeza esta reivindicación é a Asociación Puntogal, que conta xa co apoio de numerosos colectivos (entre eles O Fervedoiro) e incluso institucións do país. Un dos primeiros en dar o paso foi o Concello de Rianxo e, a día de hoxe, Puntogal conta xa co apoio expreso dos tres grupos políticos do Parlamento Galego. Razón esta que nos leva a instar á Corporación Municipal a que acorde por unanimidade apoiar publica e oficialmente o traballo polo noso dominio en Internet.
7. Por último, e entendendo que é hora xa de rachar ese veo que lle permite á Igrexa Católica ser unicamente beneficiaria de privilexios sen estar suxeita a ningún deber no seu papel de entidade presente na nosa sociedade, consideramos que se debe facer o posíbel por erradicar as deturpacións toponímicas tamén nas publicacións eclesiásticas (follas parroquiais, por exemplo). Ou esquecemos que esta entidade relixiosa está financiada con fondos públicos nun Estado legalmente laico? Instamos ao Concello a que se poña en contacto coas xerarquías eclesiásticas correspondentes (párrocos das freguesías de Cuntis) para que a toponimia empregada nas súas publicacións sexa a correcta, a adaptada ao que di a Lei de Normalización Lingüística de Galiza. Sobran exemplos de nomes das nosas parroquias falsamente castelanizados na Ditadura e acollidos de bo grao entre as xerarquías católicas.
Consideramos que todas estas medidas son perfectamente executábeis pola Concellaría de (…) Política Lingüística do Concello de Cuntis. Entendemos que algunhas, como a instalación de paneis indicativos nas zonas do rural, son necesarias e de xustiza, pois a situación actual é de discriminación fronte aos habitantes do casco urbano que si teñen perfectamente establecido o nome das rúas nas que viven.
A nosa lingua, a nosa arma!!
chúzame -