“O colonialismo interior”, por Xosé Manuel Beiras

Xosé Manuel Beiras é un referente indiscutíbel no panorama sociopolítico galego do último século. Proba disto é a admiración que esperta entre uns/unhas e a incomodidade que lle provoca a outro/as. No que todos/as coincidimos é no seu papel fundamental na construción do movemento popular galego organizado e na defensa dos intereses nacionais deste pobo. O vindeiro sábado (9 de febreiro), ás sete e media da tarde imos poder escoitalo no Baño, en Cuntis, espallando coñecemento sobre un tema que domina á perfección: "O colonialismo interior", unha escolma de circunstancias que han dar para abrirnos os ollos e entender un pouco máis o porqué de certas cousas.

Por exemplo, situacións que contribúen a explicar o papel de Galiza en Europa e no mundo e que poderían ser xustificadas crendo simplemente nas casualidades. Non é casual a situación socioeconómica do noso país e a progresiva perda de importancia no contexto que a rodea. Non é casual o afogamento dos nosos sectores produtivos nas últimas décadas, así como tampouco o é a situación da nosa lingua. A que nos estamos a referir cando se fala de colonialimo? Tan só é que o Imperio se extenda violentamente cara o exterior, ocupando outros territorios e eliminando outras culturas? Non.

O colonialimo interior atopa razón de ser cando dentro dun mesmo marco político, o Estado Español por exemplo, unha cultura é a dominante en prexuízo directo doutras coas que convive e afoga. Un pobo, ao que non lle son plenamente recoñecidos os seus dereitos, atópase en desvantaxe cando o poder económico fala dunha suposta unidade na que se integra pero na práctica reside lonxe e tan só entende a integración como submisión aos intereses da metrópole. Todo isto, que semella tan abstracto, pretendemos que sexa (ousados nós!) algo parecido ao que podería ser o limiar da conferencia do vindeiro sábado. O interese que a figura de Xosé Manuel Beiras esperta é innegábel, e a súa traxectoria non se pode explicar sen ter en conta a súa actividade política dentro do partido do que foi fundador. Mais dende O Fervedoiro interésanos esoutro Beiras, o que en 1970 publica "Estrutura e problemas da poboación galega" que viña a ser a súa tese de doutoramento defendida cinco anos antes na Universidade de Sevilla e pola que obtivo o Premio Extraordinario de Doutoramento. Como perfecto coñecedor da realidade socioeconómica galega segue afondando no asunto coa publicación de "O atraso económico de Galicia", en 1973. Nos vindeiros días iremos ampliando biografía do protagonista.

Se de luxo é o acto, á súa altura ha quedar o remate. O peche musical a cargo de Roi Casal. Nado en Catoira hai 27 anos, comezaba os seus estudos musicais con tan só 6 anos no seu pobo natal. Aos catorce anos ingresa na Banda de Música de Catoira. Aos dezaoito anos funda Noitebra, o seu primeiro grupo. Aos dezanove comeza estudos de harpa en Vigo, da man do harpista Rodrigo Romaní, de Milladoiro, grupo no que ingresa. No ano 2000 ten lugar o seu primeiro concerto como harpista deste xa histórico grupo. A seguinte parada da súa carreira musical situámola ao ano seguinte (con 21) en Madrid, onde ingresa no Conservatorio Superior de Música desa cidade. En 2002 grava o seu primeiro disco con Milladoiro, "O niño do Sol", e en 2003 "Adobrica Suite" e neste mesmo ano colabora con Mestissay en "Canciones del Sur". Ningún ano se atopa baleiro na traxectoria de Roi, posto que en 2004 publica disco independente "O boticario gaiteiro", en homenaxe a Perfecto Feijóo e grava con Milladoiro o disco homenaxe do 25 aniversario do grupo.

Sábado 9 de febreiro, sete e media da tarde, Casa da Cultura "Roberto Blanco Torres" (O Baño, Cuntis): o saber e a música.

cartaz da conferencia

Chuzame! chúzame -

Comments are closed.