Maxistral…

O sábado 9 de febreiro de 2008 ha quedar sinalado en vermello no almanaque do Fervedoiro para sempre. Terá que ser festivo en vindeiros anos... O acto celebrado onte en Cuntis, a conferencia de Xosé Manuel Beiras, fica xa nalgún recuncho da memoria dos e das que estivemos presentes. Foi un día para aprender, para disfrutar, e abofé que o fixemos!

Poderiamos dicir moitas cousas sobre o protagonista, sobre o tema, sobre o que dixo, sobre o que calou... Pero non podemos comezar doutro xeito que non sexa, primeiramente, agradecerlle que se achegara e compartir connosco algo do seu tempo. Agradecerlle, tamén, a súa amabilidade, a súa cordialidade, o demostrar que se brillante é na súa cara pública, non menos o é no trato persoal. Coidamos que o que é, o que representa, non é só froito dunha mente privilexiada, senón dunha persoa abraiante, próxima e accesíbel que non precisa de catorce asesores arredor del para levar aquilo no que cre ao teito do apoio eleitoral que endexamais coñeceu a súa formación.

Analisou con palabras para que todos e todas entenderamos, sen termos de catedrático nin arrecendos a clase da faculdade, a situación socioeconómica de Galiza. Dende o sector empresarial, inexistente como colectivo galego -segundo el-, até o escandaloso problema da fuxida de tributacións fiscais. Exemplos sinxelos: "din que Galiza arruinaríase cunha facenda propia porque non temos recursos. Alguén se imaxina que todas as empresas francesas estiveran domiciliadas en Berlín? Iría á bancarrota o Estado Francés!". O noso caso é semellante. O aproveitamento dos nosos recursos naturais deixa os beneficios lonxe da nosa terra. Proseguíu facendo referencia ao sector gandeiro (ao que o Terminator Fraga liquidou) e á nefasta PAC, con todo o que iso supuxo no desmantelamento dos nosos sectores primarios. Houbo tamén referencias á súa etapa parlamentar. Toda unha completa análise e diagnose da súa visión do "problema galego" e, como tiña que ser, as solucións que propón.

Avelino Pousa Antelo e Xosé Manuel BeirasFoi despois a quenda das intervencións dende o público. Aí tivo oportunidade de facer referencia, ao ser preguntado, polo papel histórico e actual da forza política da que é pai e máximo responsábel do noutrora crecemento e identificación co pobo galego. Aludíu ao espírito co que naceu o BNG, asegurando que foi unha forza da xente que o construíu e ergueu até levalo a superar ao PSOE ("nunca unha forza nacionalista de esquerdas superou ao PSOE nin en Euskadi nin en Catalunya" -dixo) e ser o que foi: "o BNG actuou como un acordeón, partindo da esquerda e abríndose cara o centro, pero o risco está en se o acordeón, no canto de abrirse, comeza a desprazarse...". Botou man da prudencia ao referirse ao actual estado e deriva do seu partido. "O BNG non pode funcionar como un partido, porque non servirá entón para solucionar os problemas da xente, e a xente desfarase del; e comeza a haber síntomas diso".

O título de arriba non se refire unicamente a Xosé Manuel Beiras, porque maxistral foi tamén a interpretación de Roi Casal. Catro pezas para un peche de luxo cun instrumento dunha difilcultade incríbel que Roi amansa cunha facilidade abraiante. Parabéns Roi, e adiante! Tan só agradecerlle tamén a el a súa asistencia.

Roi Casal, de Milladoiro, pechou o acto

Parágrafo á parte merece a asistencia de público. O repetido "ateigada" do que botamos man noutras ocasións quédase curto para explicar o de onte. Simplemente sería o chanzo seguinte a cheo. Por suposto, agradecemos a todos e todas, un por un, unha por unha, a súa presenza. Grazas. Para rematar, deixar a ligazón para visitar a nosa achega sobre "O colonialismo interior" que pronunciamos onte.

(máis fotos no arquivo fotográfico)

9-02-08, conferencia

Chuzame! chúzame -

Comments are closed.