Lavadoiros que se perden

Temos repetido en numerosas ocasións que Cuntis é "terra de augas", e como tal, posúe entre os seus bens patrimoniais máis prezados os lavadoiros do Baño. Gardan recordos de tempos pasados nos que as lavandeiras da vila baixaban ao pé do Gallo para lavar as roupas. Temos que recoñecer que logo dos anos escuros de esquecemento comezamos a albiscar algún xesto que nos permite pensar que se pode estar comezando a traballa cara a recuperación destes elementos distintivos da memoria popular do Baño.

O pasado domingo, durante a Festa do Lacón con Grelos, o Concello de Cuntis organizou unha fermosísima exposición fotográfica nos lavadoiros que daba conta do noso pasado. Porén, ese mesmo día, puidemos descubrir un grave atentado contra un destes lavadoiros. Concretamente nun da marxe esquerda do Gallo (ao seu paso por diante do "Hotel Castro do Balneario) atopámonos con que alguén depositou restos de materiais de construción (xeso, revestimentos varios, plásticos, botes de pintura, produtos químicos de poliméricos, cartóns, aerosois,..). Evidentemente, alguén interesado na conservación do medio ambiente e na destes singulares elementos da arquitectura popular galega que non abundan... Por se fora pouco, realizaron unha canalización con tubaxes plásticas que alteran a estrutura orixinaria. E todo á sombra dun centenario carballo, o única pincelada “natural” do entorno. Por outra banda, varios destes residuos poden provocar filtracións importantes ao río, o que implica a contaminación –en maior ou menor medida– das súas augas.

cascallos no lavadoiro 

A construción agredida é un cubículo de pedra de granito localizado á beira do Gallo, con nove pasos de escaleiras que comunican a finca próxima co nivel do río, así como un ou varios mazadoiros de pedra –agora non se pode precisar pola cantidade de escombros que alí hai– que empregaban as nosas antigas lavandeiras para realizar, o máis comodamente posíbel, o seu oficio. Por certo, con respecto aos mazadoiros, cómpre sinalar que un deles xa foi substraído e depositado ao carón dun lugar que esa empresa hostaleira emprega como aparcadoiro.

depósito de cascallos no lavadoiro fronte a un establecemento termal cuntienseDito isto, non podemos máis ca denuncialo e esixir responsabilidades. Teñamos presente que o pasado mes de xaneiro celebrouse en Cuntis o 40 Congreso Internacional de Técnicas Hidrotermales e a 10ª Jornada de la Organización Mundial del Termalismo, e ao evento asistiu unha multitude de persoas procedentes de 13 estados (que non nacións) de Asia, Latinoamérica e Europa. Verbo do que se declarou na prensa deses días, os centros termais levan implícitos certas características que os fan importantes no ámbito socioeconómico (aínda que isto cae de caixón, sobre todo no que atinxe á iniciativa privada) e que ademais se converten en “auténticos dinamizadores das rexións onde se atopan emprazados, axudando a fixar poboación, creando emprego estábel e incluso contribuíndo a concienciar sobre a importancia da protección e coidado do medio ambiente”.

Preguntámonos, entón, se son en Cuntis aplicábeis as conclusións destas xornadas. Que imaxe se lle quere dar de Cuntis aos nosos visitantes? Verter aí tales escombros tiña algunha outra intención a desenvolver a curto ou medio prazo? Contan os propietarios da devandita finca dos permisos pertinentes de Patrimonio, Augas de Galicia, Medio Ambiente, da Administración Pública Local... Acaso terán licenza por “silencio administrativo”? Cómpre actuar na defensa do patrimonio histórico-artístico cuntiense ou é mellor mirar para outro lado para que o desenvolvemento do “progreso” teña o camiño lixeiro, sen pedras que o estorben? Cando se vai abrir a todos os veciños/as o paso ininterrompido por ambas beiras do río?

Recordemos que a lexislación actual obriga ás administracións locais a velar pola protección e conservación do patrimonio histórico-artístico, polos seus edificios emblemáticos, polo patrimonio etnográfico, etc.

Chuzame! chúzame -

Comments are closed.