Unha festa para non rir

Foi o día 17 de febreiro de 2008 a data na que a sociedade galega se volveu a reunir e autoorganizar para lle esixir ás administracións que GALIZA NON SE VENDE!!, que o patrimonio verde que conserva a nosa querida terra non pode caer en mans de especuladores, de grandes construtoras, de empresas transnacionais, do poder globalizador,... Que aínda que nos prometan multitude postos de traballo, a realidade é outra: as novas transnacionais buscan explotar aínda máis os nosos recursos e crear para si pingües beneficios, sen ter en conta os lugares de localización nin os veciños deles. Velaí un xeito máis, continuísta, de políticas ultraliberais coas que o anterior goberno popular fixo demostrada gala. Ese día aclamouse e proclamouse que todos son culpábeis e que, GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE!!!

17-02-08

en CompostelaMáis de 7 milleiros de persoas reuníronse na Quintana compostelá, logo de percorrer en manifestación pública e cívica –que partiu da Alameda– varias rúas da cidade. Colectivos de toda a Galiza xuntáronse nunha única voz, e aos catro ventos e ás catro administracións (municipais, das deputacións, da Xunta e do Estado) esixíronlle que basta xa de enganos, basta xa de promesas, basta xa de cambios ficticios. A realidade que se vive é outra. As persoas seguen en oposición á planta de Gas instalada na ría de Ferrol (a ría é nosa e non de Reganosa!!), á creación de canteiras na serra do Courel, á privatización dos nosos ríos (as augas son nosas e non de Fenosa!!!)... e buscan a creación dun parque natural na Serra da Loba, que se protexan os ríos Lagares e Lor (como tantos outros da nosa xeografía),... Estaban, estivemos e estamos en 17-02-08contra tamén da construción de edificios no parque Rosalía de Castro, na urbe lucense; en contra de que no río Umia se aniquile a vida natural e se substitúa por presas de formigón para a explotación hidroeléctrica; que nos nosos montes proliferen os eucaliptos e se reduza e esquilme a flora autóctona; en contra das verteduras incontroladas no río Gallo; en contra da patrimonialización dos bens públicos (alguén tamén berrou dende un megáfono iso de: Burgas de Cuntis patrimonio público!!!).

Unha representación do Fervedoiro encabezou a manifestación –xunto con outros compañeiros de diversos lugares do país– termando a pancarta de GALIZA NON SE VENDE, pero sen esquecer a estrelecente bandeira do noso colectivo: A Ferventiña!!

17-02-08

Verdegaia, a Comisión Veciñal contra a Macrodepuradora do Lagares, a Fusquenlla, Salvemos Monteferro, O Fervedoiro, Adega, Burla Negra, Colectivo Arraianos, e así até 43 organizacións convocantes, discorreron por Compostela en contra da Marbellización do litoral, do recheo e contaminación das nosas rías, en contra de Reganosa e Ence, en contra dun plan acuícola na Costa da Morte (creado ex profeso para unha transnacional norueguesa), en contra dun urbanismo que pretende fagocitar as nosas costas e crear, paralelamente, máis portos deportivos que na Italia ou na Franza, ollando de esguello os espazos protexidos e esquecéndose definitivamente dos que cómpre crear,...

17-02-08

Había pancartas que pedían a dimisión de Quintana, coa súa fraude política, e apoiaban a subida aos postos relevantes a un Xosé Manuel Beiras arestora totalmente desprazado polos “seus”. Nun ambiente festivo, aínda que máis ben se debera considerar sarcástico e irónico, multitude de músicos, coa súa percusión, fixeron espertar a aqueles que o domingo dedicaban a descansar, mais agardamos que tamén as conciencias dos políticos que aínda non se espreguizan do soño electoral. Os conselleiros de Medio Ambiente e Pesca, o vicepresidente Quintana, o voceiro popular Núñez Feijoo, e o presidente da Xunta foron parodiados e ridiculizados por un grupo de manifestantes, os cales coas súas carautas e con carriños de supermercado espallaban votos por todos os lados e enchían os mesmos con sacos de diñeiro. Evidentemente, como se está en período pre-electoral, aproveitaron o momento para bautizar unha nova praza de Galiza, que dende agora se ha chamar Praza de Caixa Galicia, así como fixeron coa da Quintana, que leva o nome –dende ese 17 de febreiro– de Praza do Bipartito.

17-02-08

Hai que crear un desenvolvemento respectuoso do noso país, sen termos que mudar os nosos costumes seculares, o noso xeito de ver o mundo, a nosa paisaxe, a nosa identidade. Non queremos eufemismos como o de “Desenvolvemento Sostíbel” cando a única sostibilidade que existe arestora é a que radica nos petos dos políticos que desprezan o pobo e acariñan o ultraliberalismo e as políticas mercantilistas, as doutrinas que afirman que todo ten un prezo: Mexan por nós e hai que dicir que chove!

17-02-08O Fervedoiro, ademais, portou aquela pancarta creada para o roteiro que se realizou polas beiras do Umia, ao seu paso pola minicentral da Ermida, con aquel lema tan acaído e estendido por nós e polos medios de difusión: MATAN RÍOS POR SILENCIO!!

Chuzame! chúzame -

Comments are closed.