Camiño da oficialidade
Facemos unha nova escala no camiño da loita pola oficialidade das nosas seleccións deportivas, será O Ferrol este vindeiro venres 29, o motivo: a estrea da selección masculina de fútbol sala no pavillón da Malata. Coma non podía ser doutro xeito Siareir@S Galeg@s, colectivo nacional que loita pola oficialidade das nosas seleccións e do que formamos parte dende o comezo da nosa andaina, vai estar alí para apoiar este novo paso cara ao recoñecimento oficial.
Nos actos que se están a preparar non faltará a combinación de festa e reivindicación que rodea a todos e cada un dos partidos desputados polas nosas seleccións. Haberá autobuses dende Vigo, Pontevedra, Compostela e A Coruña. O punto de partida no Ferrol será ás 20 horas coa mobilización que terá lugar nos Cantóns en prol da "Oficialidade tamén no fútbol sala" e que rematará pouco antes das nove da noite, hora na que dará comezo o encontro entre as seleccións nacionais da Galiza e o Uruguai. O peche a xornada poñerao a festa-concerto na Fundación Artabria coa música de Arenga e o DJ Sem Fronteiras Sound Sistem a partir das 22.30 horas.

Botamos en falla, como así se recorda dende a páxina de Siareir@s Galeg@s, a participación e estrea da selección feminina nesta modalidade e esiximos a súa pronta criazón.
Animámosvos a todas e todos a participar nesta nova xornada en prol dun dos tantos dereitos que coma pobo nos pertencen e que nos seguen a usurpar. Estaremos no Ferrol, saíndo dende Compostela co resto de siareiros e siareiras que tamén se desprazan dende a capital da Galiza. Xa podedes ir facendo a reserva de bus e entrada a través do noso enderezo electrónico (ofervedoiro@hotmail.com) e preparando as gorxas para recramar:
Oficialidade xa!!!
chúzame -