A forza da horterada

De ruta turística polos recunchos de Cuntis, e co obxecto de visitar diversos lugares destas terras, varios membros de Fervedoiro descobren unha desas escenas, que por moito que se quixer, non se dan desprendido da vista; unha e outra vez volve á nosa memoria, ao principio para provocar un sorriso, logo o desánimo e a frustración. E a verdade é que existen cousas neste val realmente incríbeis, dignas de ser analizadas e logo caviladas máis de vagar, xa que os creadores desas paisaxes, cheas de cromatismo (como dicía a banda sonora: "en un país multicolor,...") , están ateigadas dunha atracción tal que non se poden deixar de contemplar estupefactos con reiterada insistencia.

ghalpón

Fomos a San Mamede de Piñeiros, para recrearnos co labor que antano fixeron os mestres arghinas-canteiros- de Cuntis cando ergueron esa igrexa, ou labraron con toda arte as lápidas humildes que, no chan, sortean a invasión verde da herba, dos liques e do brión.

Chapuza na Igrexa parroquial de Couselo

Despois fixemos parada en Couselo, tamén na sua parroquial, e aí foi onde o espectáculo se encheu de luz: un "ghalpón", noutras verbas un cuberto, ou algo semellante, pareado contra o lateral norte, realizado en ladrillo, pintado en morado (ou purpurado, case que cardealicio) recordábanos que aínda que a chapuza estética era manifesta o lugar era un sacro recinto. A verdade é que parece todo un detalle preocuparse pola cor que vai "humanizar" a parede de cemento; a verdade é que detalle tamén é que no canto de uralita vexamos tella plana (e non do país!). "Alén" disto, unha pequena xanela (que olla cara o nacente) fincouse no cemento, porén os seus materiais non son do máis nobre, aluminio branco, cun bo enreixado en negro para evitar os furtos.

varandasPara subir a espadana das campás, o petril foi engulido polo ghalpón de tixolo (coa mesma teima decorativa en morado); e o oco que na escaleira se produce por mor da escaleira e o tellado da nave tamén sufriu o adulterio por mor deses materiais, estraños para unha fermosa arquitectura neoclásica. Após disto, unhas varandas de metal (niquelado, brillante), refulxen dende o alto facéndonos lembrar que chapuza non acaba no devandito ghalpón.

Quixésemos saber, aquí, dende o Fervedoiro, se a Igrexa conta (ou contou) coas licenzas pertinentes para facer tal tipo de actuacións, obrigadas para o resto do "mortais". Ademais, se nos marabillamos cun templo parroquial coma o de Couselo, por que enmudecer a nosa voz para sinalar que iso, fixese quen o fixer, é un atentado contra o noso (quer dicir de todos/-as) patrimonio arquitectónico? Pintar de morado o que xa de por sí é unha falta de gusto, unha falta de consciencia, por moito que esa cor acompañe o fervor relixiosos na Semana Santa- non serve máis que para ocultar unha única verdade: CHAPUZA!!

Chuzame! chuzame -

Comments are closed.