Novas especies piscícolas: a caixa de froita, o pneumático, a bateria do coche…
Onte, día 26 de marzo, membros do Fervedoiro procedemos a inspeccionar varios dos nosos ríos, e puidemos comprobar, in situ, que moitas veces a acción humana é letal coa natureza que nos nutre e abastece de recursos. Primeiramente estivemos a pé de encoro da Baxe, concretamente na zona do Areal, ao carón da Hervés. Varios son os focos de residuos sólidos alí localizados, e entre uralitas, plásticos, potas, caixas de froita, barreñóns de roupa e outros elementos contaminantes, a natureza invade, paseniño,entre silveiras, o que non lle é propio.

Cómpre que as administracións solucionen isto canto antes, mais sobre todo que nós, os veciños e veciñas deste concello, actuando responsábelmente, nos concienciemos do que acontece, e axudemos na concienciación así mesmo ao resto de cidadáns. Cómpre crearmos, entre todas e todos, unha sociedade comprometida co medio ambiente e que os erros de antano non sexan os erros do mañá cometidos polos nosos fillos e fillas. Velaí está a clave, a educación e o respecto ao noso entorno. Mais nisto tamén se deben responsabilizar empresas e actuacións urbanísticas. Que pasa cos residuos que de cando en vez aboian na famosa pasarela de madeira do río Gallo? Cales foron as conclusións daquelas inspeccións con videocámaras realizadas polas tubaxes da nosa vila pola empresa "Espina & Delfín"? Están xa todos os informes entregados? Aléns disto, cando se vai abrir o paso por ambas bandas do río?
Logo destas divagacións, debemos sinalar que na mañá de onte tamén nos diriximos á zona da Bragada, e máis concretamente o lugar onde o río Vea nace e fai linde xeográfico entre as parroquias de Santa Baia de Portela (Cuntis) e Santo André de Vea (A Estrada). A cantidade de residuos alí atopados é descomunal, poderíamos case asegurar que farían falta varios camións para sacar todo o escombro. Pneumáticos, electrodomésticos varios, anacos de quitamedos das estradas (ollo: totalmente novos!!!), colchóns, botes de pintura, caixas, plásticos, recipientes de aceite, vidros,... forman parte dunha paisaxe adulterada, violada polos nosos abusos, máis tamén pola nosa pasividade.

Existen puntos limpos onde depositar todos estes materiais, porén resulta incríbel que sigamos con actitudes ("case que tradicións") que deterioran o noso medio, o noso patrimonio xeral, a nosa paisaxe, e tamén o concepto que de nós poidan ter outros pobos. Calquera día faranse roteiros turísticos para visitar os vertedoiros incontrolados para espectáculo dos/das forasteiros/as e vergonza dos/das naturais destas terras?A maior parte destes últimos residuos sitúanse en terreos xa propiamente estradenses, polo que nos vindeiros días procederase a rexistrar a pertinente denuncia no rexistro municipal do Concello da Estrada.
Aplaudimos, dende O Fervedoiro, que se fagan obras que intenten rexenerar, en bo grao, os nosos ríos cando pasan polos núcleos urbanos; mais que pasa no rural onde nacen afluentes, regatos e ríos principais que abastecerán de auga os núcleos de poboación? É fundamental pensar por un momento, e facer diaria reflexión, de que por moito que os residuos se guinden a ríos, camiños abandonados, ou lugares poucos transitados isto sempre irá en detrimento -máis tarde ou máis cedo- da nosa calidade de vida e, por extensión, da conservación dos noso espazos naturais.
chuzame -