Non calaremos
Logo de coñecer este pasado mércores un informe do corpo da Guardia Civil, ao que tivo acceso Movemento Polos Dereitos Civís, no que aparece o noso nome vinculado queremos facer público o seguinte comunicado.

Dixemos dende o primeiro día cales ían ser os nosos obxectivos e cales os métodos que empregaríamos para acadalos. Endexamais arelamos ou albiscamos outra vía que a palabra, esa mesma, da que botamos man para argallar e dar novos pasos ao fronte na defensa de todos e cada un dos valores da nosa terra: língua, cultura, medioambiente e os problemas sociais que amedrentan o patrimonio común do noso pobo e a loita na defensa do noso acervo. Camiño dos dous primeiros anos de compromiso cos principios que quixemos e seguimos a defender atopamos o nome do noso colectivo nunha listaxe, conxuntamente con outros membros da Galiza non alienada, baixo a denominación "interes policial", palabras empregadas nun informe do corpo da Guardia Civil ao que tivo acceso Movemento Polos Dereitos Civís.
Nunca ocultamos o que coma colectivo fixemos ou estamos a facer, non nos agochamos detrás dunha falsa identidade que nada ten que ver con nós. Sí, somos eses que defendemos a Galiza en tódolos sensos e expresións do noso pobo, dentro do amplo abano do patrimonio popular: Estivemos na Coruña, en Vigo e no Ferrol para manifestar o noso apoio á loita pola oficialidade das seleccións deportivas galegas, estivemos na rúas de Compostela para espetarlles aos gobernantes que "Galiza Non Se Vende", na minicentral da Ermida para rescatar do silencio as escuras manobras do poder, nas beiras do río Gallo para denunciar a pasividade das autoridades perante os continuos verquidos... Esiximos a retirada da simboloxía fascista no noso concello (aínda estamos a espera de que se cumpra a Lei!), loitamos pola recuperación dunha figura esquecida por culpa das balas fascistas na longa noite de pedra, conseguimos que os rueiros de Cuntis e Compostela leven o seu nome, Xohán Xesús González. Porén, así mesmo, creamos foros de debate e xornadas nas que achegamos aos nosos veciños e veciñas temas que nos tocan moi de preto pero que son esquecidos e silenciados polo desinterese dos mandamais e que, as máis das veces, semellan molestos á hora de ter que falar de certos temas de interese social: a reforma estatutaria na Galiza, os incendios forestais (e a vaga incendiaria dos veráns), a oficialidade das seleccións nacionais galegas, os dereitos dos pobos, o colonialismo interior,... Transcorreron por Cuntis, grazas a actividades coma estas, persoaxes máis ou menos coñecidas da paisaxe popular galega, dende a política, o deporte ou a música até literatura ou activismo ecolóxico e social, porén a todos eles debemos agradecer o seu interese en achegarnos as suas experiencias, os seus traballos, os seus puntos de vista e en definitiva o seu grao de area para que todos e cada un dos actos que organizamos puidesen saír adiante.
Aquí mesmo na nosa páxina deixamos rexistrados tódolos pasos dados dende este Fervedoiro, nada temos que tremer por tanto a que nunha desas listaxes apareza o noso nome. Temos denunciado incluso aquí que durante a pegada de cartaces dalgún acto do noso colectivo, nas rúas do noso propio concello, fósemos identificados pola Guardia Civil. Agora xa sabemos para que querían os nosos datos persoais. Non trememos a nada, non é preciso tampouco que dispoñan dunha unidade especial para controlarnos porque somos de sobra coñecidas e coñecidos no pobo de Cuntis e en gran parte da nosa comarca, a gran maioría dos noso veciños e veciñas podería describir sen problema a árbore xenealóxica de todos e cada un dos integrantes do Fervedoiro. Tan só con leer os xornais saberán de nós, con botar un ollo a internet saberán de nós, con albiscar as loitas populares xurdidas na contorna nestes últimos tempos saberán de nós, con mirar as denuncias e propostas rexistradas en materia de medioambiente, lingüística e arquitectónica no Concello de Cuntis (e doutro lugares do país) saberán de nós, por defender e loitar polo restabelecemento da DIGNIDADE das víctimas do golpe militar e posterior dictadura fascista saberán de nós, por loitar pola oficialidade das nosa seleccións saberán de nós. Saberán de nós porque a nosa voz é unha das moitas que representa a dignidade dun pobo disposto a non afogar aganado nas mans dos arrebatadores de futuro, aínda que hoxe sexamos sinalados e analizados polos especialistas en "seguridade e benestar".
Sabemos que o problema de raíz atópase nun Estado insultantemente centralista e que endexamais se quixo enfrontar os verdadeiros problemas que se atopan dentro dos seus tentáculos, que non acepta as diversidades, o non pensamento único, o anti-uniformismo español, a existencia de distintos pobos dentro do estado e non un só (concepto este que nos recorda épocas franquistas). Un Estado que ten unha constitución suxeita á súa revisión porque non atopa refuxo o dereito que teñen as nacións sen estado (Galiza, Euskal Herria e Catalunya) a decidir o seu futuro, e por ende, a decidir a sua maneira de vivir na península Ibérica e na Europa dos pobos. Este problema desenvoca en que os movementos que conforman o corpo social da "Galiza non alienada" nos vexamos envoltos en mentiras e persecucións, por culpa dunha patoloxía que arrastra a España centralista dende tempos dos reis católicos. Arelamos unha Galiza que poida decidir o seu futuro lonxe de xugos e mordazas que a atan a un corpo superior que a castiga con couces cada vez que esta fala en voz alta sobre os tumores que padece, porén sabemos que estes non son terminais porque mentres haxan e existan colectivos dispostos a erguer a voz da nosa terra, seguirase a manter vivo o facho que alumea o camiño da esperanza para un pobo libre de artificios esmagadores! (Camiño xa iniciado polos galeguistas anteriores ao golpe militar do 36: Castelao, Bóveda, Xohán Xesús González, Basílio Álvarez, Blanco Torres, Lois Soto, Otero Pedrayo,...).
Estamos onde decidimos e nos compretimos a estar, sen imposicións, sen soldos que nos manteñan na defensa dos nosos principios, principios contruídos en base o amor á nosa terra nai: GALIZA!!!
Xa saben onde atoparnos...máis nunca calarnos!!!
Por certo, o noso labor só ten un cualificativo: DIGNIDADE POPULAR!!!
O Baño, venres 28 de marzo de 2008.
chuzame -