Un animal bípedo asasina un can
Onte, día 30 de marzo, á altura da pasarela do Gallo que se localiza detrás do Balneario de Cuntis (onde temos ergueita a nosa pancarta: NON MATEMOS AS NOSAS AUGAS!!), ao carón dunha presa que existe próxima a un dos lavadoiros fluviais que hai neste tramo do río, apareceu un can afogado. Trátase, evidentemente, dun claro caso de maltrato animal, xa que estes cuadrúpedes saben nadar e, no caso de que caese no río, buscarían un lugar polo que poder saír das augas. Cabe tamén outra posibilidade, que o animal fose guindado aí logo da súa morte, aínda que esta non parece moi probábel.

O Fervedoiro, avisado por un xoven pescador (que xa ten demostrado o seu compromiso co medio ambiente), alertou do sucedido tanto aos medios de difusión pública como ao 062 e á "Guardia Civil" de Cuntis, a cal, esta última asegurou que se ía pór en contacto co Concello de Cuntis hoxe pola mañá (día 31) para que os operarios substraesen o animal, que xa amosaba claros indicios de descomposición polo fedor que desprendía.
Ás 9:30 desta mañá o can xa fora retirado do lugar onde onte aboiaba, mais cumpriría coñecer o nome do "bípido animal" (por certo irracional) que cometeu tal atrocidade para que, logo das pescudas necesarias, se comece a executar a ordenanza municipal de medio ambiente, polo que poden caer importantes sancións aos infractores.
chuzame -