Rexistramos denuncia dos vertidos da Bragada (A Estrada)
Esta mañá, no rexistro xeral do Concello da Estrada, presentamos denuncia dos vertidos que no río Vea, na contorna da Bragada, se espallan contaminando as súas augas, en detrimento das terras, paisaxes e medio ambiente da zona. No documento, logo de achegar a lexislación vixente en materia da retirada de residuos sólidos urbanos (tanto da Galiza, como do estado e de Europa), expomos o seguinte:
- "O pasado 26 de marzo de 2008, varios membros da sección de Medio Ambiente da Asociación O Fervedoiro localizaron no lugar da Bragada, concretamente na ponte na que o río Vea separa os concellos de Cuntis e A Estrada, e particularmente as freguesías de Santa Baia da Portela e Santo André de Vea, unha enorme cantidade de residuos sólidos urbanos vertidos no cauce do propio río. Electrodomésticos varios, pneumáticos, quitamedos das estradas, vidros, envases, plásticos,... inzan a superficie verde de axentes nocivos para o medio ambiente, danando en enorme medida a calidade das augas deste regato e incluso a paisaxe. Isto contémplase como un vertedoiro bastante perigoso polo feito de que se atopa na parte alta do río, polo que a contaminación flúe augas abaixo. A maior parte de todos estes residuos sitúanse na beira do Concello da Estrada, motivo polo cal nos diriximos a vostedes.
- Varios camións farían falta para poder limpar este lugar, porén pistas forestais que se localizan na contorna servínolle a cidadáns/ás pouco responsábeis para guindar colchóns de camas, mantas, plásticos e pneumáticos (de camións e automóbiles)".

Ao final do documento instamos á administración pública estradense a:
- "Se proceda, o máis axiña posíbel, a retirar todos os residuos vertidos na zona da Bragada que se localicen nos termos municipais da Estrada.
- Comecen, ou continúen no caso de telo iniciado, un labor de inspección, localización e eliminación de todos os vertedoiros que se espallan por este concello, varios dos cales puidemos comprobar a súa existencia nos nosos roteiros polos montes desta xeografía. Para conseguir isto, e coa fin de que a tarefa teña viabilidade e sexa máis sinxela de acadar, cumpriría pórse en contacto con colectivos ecoloxistas da comarca, asociacións culturais do concello estradense e, incluso, asociacións de veciños/as de distintos lugares e freguesías. Deste xeito, e como efecto positivo e paralelo, axudaríase na reflexión, estímulo e concienciación cidadá.
- Idear un proxecto de concienciación social (xornadas, información mediante boletíns ou panfletos, por exemplo) polo cal se fomente o respecto ao medio ambiente, á nosa natureza, á fauna e flora silvestres para que, paseniño, con este obxectivo educador, poidamos conseguir que os vertedoiros incontrolados sexan unha realidade extinguida, mercé dunha cultura cívica, civilizada e que teña a natureza como unha fonte de recursos, de turismo e de biodiversidade que debemos protexer e coidar".
chuzame -