Quérese pasar polo aire o medio ambiente no Parque Eólico Touriñán III
Hoxe pola mañá, remitimos á Delegación Provincial de Pontevedra da Consellaría de Innovación e Industria e ao Subdirector de Espazos Naturais e Biodiversidade da Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel senllas alegacións en relación á pretensión de crear un parque eólico (Touriñán III) que afectaría aos Concellos de Cuntis, A Estrada e Campolameiro, e que pretende levar a cabo a Consellaría de Industria.
A base da nosa denuncia radica no feito de que o informe medioambiental que achegan os técnicos aos que se lle encargou realizar o devandito documento para nada contempla a realidade. Unicamente se fai unha listaxe de especies existentes na área afectada.
Curiosamente o catálogo de especies que nós entregamos (cun anexo fotográfico adxunto) é moito máis amplo que o que os técnicos realizaron. Curiosamente nin contemplaron a existencia de endemismos, nin especies migratorias importantes (como o falcón peregrino) ou os lugares de aniñamento de rapaces como a aguia culebreira. Así mesmo, tampouco tiveron en conta batracios (sapos e ras), diversos tipos de anfibios (como os limpafontes), especies de morcegos,... Curiosamente os técnicos que "elaboraron" o "informe" rastrexaron en un só día -co obxecto de tomar mostras de auga en catro puntos diferentes e 15 posíbeis refuxios de morcegos, e isto para unha superficie afectada de 3.000 hectáreas. A verdade iso si é capacidade de traballo!!

Á parte de todo o comentado, e de aspectos relacionados coa conservación do patrimonio histórico-artístico (mámoas, castros e agrupacións de gravados rupestres), O Fervedoiro solicita a ambas institucións que se tomen en serio todo o tema, que non continúen con políticas que sigan a favorecer a uns poucos (en que, por exemplo, axuda ás economías familiares da contorna a creación dun parque eólico?), e que fangan os informes con seriedade, non intentando despachar o asunto nunha única visita, como até agora fixeron (15 de marzo de 2007). Por outra banda, O Fervedoiro pide o seguinte:
1. Se realice un verdadeiro, serio e detallado informe de impacto medioambiental, e polo que se identifiquen as especies aquí achegadas no documento que nós presentamos.
2. Se fagan as pertinentes prospeccións arqueolóxicas nas zonas de maior impacto, prestando atención aos asentamentos da Idade do Ferro, aos potenciais restos de edificacións medievais e, sobre todo, aos grupos inscultóricos (petróglifos) que se disipan por toda a área.
3. No caso de que algún dos informes respectivos resolva que existe unha gran riqueza faunítica, endémica, a protexer e conservar, ou ben unhas áreas rupestres importantes afectadas pola construción dos aeroxeradores, non se execute e leve a cabo o proxecto do parque eólico Touriñán III.

chuzame -