Completamos alegacións
O 14 de abril rexistramos no Portelo Único da Xunta de Galiza (Concello de Cuntis), un complemento da alegación presentada o anterior día 11. Esta última foi sobre aspectos fundamentalmente de medio ambientes, e aquela, a que onte presentamos versa sobre diversos aspectos do patrimonio histórico-artístico cuntiense e da contorna.

Entre outros puntos da exposición de motivos, logo de dar conta da lexislación vixente nesta materia, O Fervedoiro avisa da protección que debe posuir a zona arqueolóxica denominada O Pucho dos Mouros , tamén denominada A Torre dos Mouros (con clave identificativa GA360150004). Tamén deuse conta da existencia de diversos conxuntos fortificados da Idade do Ferro: O Castro do Couto da Raposeira, o Couto dos Castros de Vilar de Mato,… Igualmente quíxose facer fincapé en monumentos megalíticos como a Mámoa da Portela de Sebil e da existencia, polas súas proximidades, de tramos dunha vía romana –ou cando menos medieval–, como así o teñen considerado historiadores de renome como Álvarez Bláquez, Caamaño Gesto, A. Tranoy,…
Esta alegación non quixo, tampouco, deixar de citar o valor antropolóxico e etnográfico deste territorio. E boa proba disto é a presenza de ritos pagáns –como é o bautizo prenatal- que se realiza dende tempo inmemorial na Ponte do Ramo. Tamén se avisou da existencia de Gravados rupestres por toda a contorna, e nos termos municipais de Cuntis, aqueles que levan os nomes de: O Galiñeiro, Os Campiños, O Casal, As Cerdeiras, A Laxe dos Homes (I) e (II).
Aos pertinentes organismos da administración galega –Subdirección de Espazos Naturais e á Delegación Provincial da Consellaría de Industria– solicitámoslles:
- Se teña en conta esta alegación e se acorde a non autorización da instalación eléctrica, por non ser de utilidade pública e polos graves e irreversíbeis impactos sobre o patrimonio histórico, artístico, arqueolóxico, cultural e etnográficos.
- Se fagan as pertinentes prospeccións arqueolóxicas nas zonas de maior impacto, prestando atención aos asentamentos da Idade de Ferro, aos potenciais restos de edifiacións medievais e, sobre todos, aos grupos inscultóricos (petroglifos) que se disipan por toda a área.
chuzame -