Xohán Xesús González: un precursor do soberanismo galego

 A presentación do libro do noso compañeiro Héitor Picallo: “Xohán Xesús González: un precursor do soberanismo galego” (prologado por X. L. Méndez Ferrín), no que recupera a historia deste mártir do 36, farase,coma non podía ser doutra maneira, no fogar do Fervedoiro. O vindeiro domingo 27 de abril, a partir das 8 do serán na Casa da Cultura –que leva o nome doutro insigne cuntiense, “Roberto Blanco Torres contaremos coa presenza, ademais do autor, do editor Francisco Pillado (Edicións Laiovento) e do mestre e escritor Carlos Loureiro.

Cartel presentación

Nesta loita do noso colectivo por restabelecer a dignidade das vítimas polas imposicións fascistas enmárcase a presentación deste novo traballo do Héitor, que elaborou para recuperar a figura do noso veciño Xohán Xesús González. Dende que no 2005 e por iniciativa da veciñanza cuntiense se esixise que o auditorio municipal levase o nome de Xohán Xesús González, non foron poucos os pasos acadados na recuperación da figura deste ilustre das nosas letras e ideais. A pesar do numeroso apoio recibido, dende o pobo de Cuntis e as institucións ou intelectuais do noso país, sería no 2007, logo de que esta iniciativa fose outra vez relanzada polo noso colectivo, cando o Concello de Cuntis, con maioría de “esquerdas”, decidise que o nome do de Sebil fose para unha rúa e non para o devandito centro sociocultural. Posteriormente e tamén no ano 2007 o Concello de Compostela aproba a proposta do Fervedoiro para pórlle nome a unha rúa da súa cidade, urbe na que o avogado de Cequeril pasou a maior parte da vida. Tamén solicitamos a Real Academia Galega, o pasado ano, un Día das Letras dedicado a Xohán Xesús González.

portada do ibro

Son moitos os lazos que nos unen a esta loita, a loita por restabelecer a dignidade das vítimas da represión fascista, loita da que fan ouvidos xordos @s que apostaron por crear un futuro sobre os cimentos ensanguentados cos cadáveres de persoas, pobos e culturas que deron a súa vida e folgos por non trocar as súas ideas. Non descansaremos até cumprir a nosa parte, agardamos a execución das escasas leis que neste senso aínda nos permiten loitar (para cando unhas fontes públicas cuntienses que non nos recorden os símbolos fascistas labrados polos asasinos?). O noso traballo está enriba da mesa, a execución e cumprimento da lei é competencia do concello. Non deixemos que o pasado continúe cuberto por unha fachada que agocha tras de si as verdadeiras razóns do presente; ou o xulgamos e nos comprometemos a coñecelo polo miúdo ou continuaremos mantendo o legado fascista: esmagar ás conciencias e á xustiza!!!

 

A personalidade deste intelectual, activista, avogado, obreiro, teórico de esquerda e do nacionalismo tiña que ser coñecida con maior fondura e iso é o que agora fai Héitor Picallo” X. L. Méndez Ferrín (prólogo- Xohán Xesús González: un precursor do soberanismo galego- páx. 11).

 

 

 

Chuzame! chuzame -

Comments are closed.