Presentación do libro de Xohán Xesús González
Foi moita a emoción que o domingo 27 cubriu a Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis na presentación do libro "Xohán Xesús González: un precursor do soberanismo galego". A inmensa cantidade de persoas que até aí nos diriximos, algúns procedentes de diversos lugares da Galiza (Brión, Cerdedo, Redondela, Vigo,...), crearon un ambiente único, cheo de adrenalina e nerviosismo.

Primeiramente comezouse coa lectura dunha carta de Xosé Luís Méndez Ferrín, que non se puido achegar até a vila do Baño (Cuntis), na cal, optimista, considera que esta obra que se estaba a presentar moi seguramente ía ter unha segunda edición.
Logo tomou a palabra Francisco Pillado (director de edicións Laiovento), que nos trouxo, como noutras ocasións, unha verba fluída, chea de anécdotas, de referencias históricas e erudición. Discorreu o seu discurso polos camiños da memoria, pola liberdade de expresión e pola necesidade de reconstruírmos a realidade pasada, tanto a da ditadura franquista como o da historia da literatura.
Cuestionouse o porqué aínda non se di a verdade de moitos feitos e persoas (coma se tratasen de tabús ou de temas dos que cómpre non afondar), como por exemplo da verdadeira realidade do máis importante literato universal –referíndose a Miguel de Cervantes–. “Por que non se informa a todos de que o autor do Quixote era homosexual e que mantiña relacións cun bispo italiano? Por que non se nos di que nacera nun prostíbulo? Por que non se desvelan as causas reais polas que sufriu presidio?”.
Quixo, así mesmo, recordar as “ideas brillantes” (sic.) de Paquita “La Culona” (o ditador Francisco Franco, racista e simpatizante dos nazis), que dándose de mente ilustrada (que non demente, aínda que en realidade actuase como tal) censurou obras maxistrais da literatura e perseguiu a cultura con presidio e sangue. El unha das persoas que se tiña gabado de escribir un libro excelente, e do que Francisco Pillado asegura que debe estar -aproximadamente- no posto número 10 dos peor escritos dentro dos libros do estado..
Non se quixo esquecer tampouco do glorioso Millán Astray, o fundador da “Legión Española”, quen, como curiosidade, un día sucumbiu en cólera co director da súa banda militar polo simple feito de que un músico longueirón estivese a tocar unha frauta e un pequeno e gordiño o bombo. O fascista, nun arrebato intelectual, preguntou:
-“Pero como es posible que esos dos hombres toquen eses instrumentos?”
O director, temeroso, respondeu:
-“La razón es porque uno sabe tocar la flauta y el otro el bombo!”
O autoritario oficial, máis irritado, ordenou:
-“Que imagen es esa, ordéneles que se intercambien inmediatamente los instrumentos!!”
E remachou:
-“Es que tengo que estar en todo!!!”.
Pillado, cuestiónase -outros tamén o facemos- como un personaxe como este –que no seu día dixo cousas tan gloriosas e alucinantes como “abajo la inteligencia, viva la muerte”–, poida ter un monumento na Coruña, unha cidade que antes da guerra foi tremendamente republicana.
Á parte destes comentarios -incisivos, críticos e que cun ton de humor non nos privan dunha profunda reflexión posterior-, valorou moi positivamente o libro de Héitor, do que dixo recupera memoria viva para todos os galegos e galegas, porque nos dá a coñecer a unha persoa –Xohán Xesús– que morreu polas súas ideas, pola democracia, pola República.
Logo tomou a palabra Carlos Loureiro (escritor e profesor no IES Manuel García Barros da Estrada), que tras loar o citado traballo de Héitor e analizalo dende unha perspectiva que acredita a obra como de pura investigación e traballo, non quixo afondar directamente nela, posto que -segundo el- é mellor que cadaquén extraia a súa propia conclusión da súa lectura, que poida reflexionar sen previas opinións subxectivas. Aínda que resaltou que o propio Héitor fixo un ensaio histórico cun estilo auténtico, propiamente novelado, polo tanto de fácil entendemento. Non esquenceu que o autor do ensaio é o creador dunha personaxe fantástica, “O Tilirín”, que de vivir nun país normalizado sería toda unha referencia e que ademáis leva con orgullo a “G” de Galiza no peito, lonxe de guitarras de xoguete que penduradas ao pescozo representan a cultura musical española.
Seguidamente tomou a palabra Héitor, que entre emoción e forza, agradeceu a todos os asistentes a súa presenza, tamén a todas aquelas persoas que dunha ou outra maneira lle axudaron a realizar esta obra e quixo dedicarlle as últimas palabras da súa intervención ao Fervedoiro, a “todos e cada un dos membros, sen esquecer a ninguén”.

O final do acto tivo un momento de maior clímax, se cabe, posto que Xoán Xosé Fernández Abella recitou, cunha perfecta declamación, ton e potencia, un soneto que creou ex profeso para ese día, a particularmente para Xohán Xesús González.
Pechou o acto, o tamén poeta, David Otero (padriño da nosa asociación dende a súa nacenza), que nun momento infindo de ilusión estendeu versos que nos incita, sen rancores, a recuperarmos a memoria, para sermos conscientes da nosa realidade, e para nos saber perdoar, mais antes debemos saber que cómpre perdoar.

Sen estar previsto, de entre o público pediu a palabra Avelino Pousa Antelo, que coma el dixo debeu ser o único dos alí presentes que coñecera ao de Sebil, e comentou que se sentía totalmente orgulloso de ter compartido con Xohán Xesús González -aínda que fose de forma fugaz- un mitin agrarista na zona da Mahía, concretamente nas escolas de Covas (Negreira) e a propósito da exportación de carne de vacún que dende esas terras se transportaba cara a Catalunya.
Os aplausos fixéronse infinitos, o espírito elevouse entre os asistentes, e todo continuou na rúa,...
chuzame -