Queremos saber…
Tendo coñecemento de que o pasado sábado 19 de abril operarios da empresa Termas de Cuntis S.L. realizaron labores, supostamente de inspección, na arqueta da burga "Fuego de Dios" (ou Lume de Deus), localizada na praza pública cuntiense chamada Praza de Galiza, solicitamos á Consellaría de Industria e Innovación explicacións sobre o estado no que se atopa a devandita burga.
Recordemos, que esta fonte de auga mineral debe surtir o seu caudal ao pobo nove meses ao ano, xa que na tempada estival benefíciase a devandita empresa. O día 21 do mes pasado varios veciños protestaron na Casa do Concello de Cuntis para saber o porqué desa actuación levada a cabo por operarios da devandita entidade privada. O mércores día 23 trasladouse até Cuntis, instado pola administración local, un técnico da Consellaría de Industria, e co obxecto de realizar varias medicións nese manancial, fundamentalmente do seu caudal, comprobando que esta fonte reducira considerabelmente o volume de auga que botaba. Para maior detalle, de 0´4761 l/s que debera verte (ou sexa, máis de 41.100 litros día de caudal mínimo) obtivéronse mediocións da orde dos 0'2 l/s (17.280 litros). Noutras verbas, a burga Lume de Deus perdera un caudal do 58%.
O máis curioso do asunto é que, segundo medicións do luns 21 de abril, a citada burga chegou a botar 0'06 l/s (o que equivale a 5.184 litros ao día), ou sexa, o 12'6% do debera verter (perdera un 87'4%).
Por outra banda é moi curioso que nun breve espazo de tempo (dous días) o caudal dese manancial flutúe de 0'06 l/s a 0'2 l/s, o que nos vén a indicar que existe unha variación do 30%, situación á que non se lle pode achacar un problema de seca por causa das escasas choivas, cando sabemos dos picos pluviométricos que houbo durante o mes de abril (por certo, bastante chuvioso). A teor disto, son outras as causas que se lle deben imputar a este feito.
O técnico da Consellaría de Innovación e Industria achegou (segundo o que se publicou na prensa estes días), que nas últimas inspeccións que se realizaran na arqueta desa burga percibíranse "tuberías oxidadas y grietas en las que entraba una mano, por las que se tiene que estar yendo mucha agua".
No entanto, discrepamos deste razoamento, xa que aínda que non cuestionemos a existencia de tales fendas, cal sería logo a razón pola que o fluído ten unha variación de caudal do 30% nun período unicamente de dous días? Non podemos crer estas apriorísticas explicacións cando as fendas non se inrementan con tanta rapidez, senón que en tan breve espazo de tempo case se poderían considerar constantes as perdas de caudal. O citado técnico da Consellaría de Innovacíón e Industria declarou (segundo verbas vertidas na prensa deses días) e en relación coas posíbeis fendas que puidesen existir no interior da arqueta do manancial Lume de Deus que, "desde su punto de vista, es necesario repararlo y recomendó también colocar un cartel de "agua no potable" en la burga e instalar un grifo para que no vierta continuamente".
Ante isto, porque poñerlle unha billa á burga? Con tal de que a fonte bote o caudal que lle corresponda e se repare a arqueta, que necesidade hai? Por outra parte, de ser unha billa non estaría o pobo de Cuntis perdendo aínda máis dereitos dos poucos que ten? A auga debe discorrer por onde lle corresponde.
É máis, o feito de que ese manancial (Lume de Deus) alimente coa súa auga quente, cando menos dende finais do S. XVII (ou sexa dende tempo inmemorial), os lavadoiros municipais, localizados na Praza de Galiza, non se estaría prexudicando outro dereito público ao privar aos lavadoiros de auga?
Alén do comentado, parece ser que por este motivo -mingua de caudal da burga Lume de Deus- os operarios de Termas de Cuntis abriron a citada arqueta para comprobar a que era debido. Mais, perante isto, xorde un feixe de cuestións:
- Sendo tal empresa a propietaria do manancial localizado en praza pública (feito insólito e esperpéntico) conta con algún tipo de permiso municipal para realizar unha obra ou inspección, ou cando ,menos, avisou á administración local por se localizar en terreos públicos?
- Non debera ter, así mesmo, licenza da Consellaría de Industria?
- De non ser así, a propiedade desa auga lexitima á devandita empresa para realizar obras cando quixer.
- Por que tal empresa inspecciona a arqueta cando durante este tempo non se beneficia do caudal (da fonte Lume de Deus) e si o fará a partir do mes de xullo e até o 30 de setembro?
- Non terá algo que ver a mingua do caudal da burga da Praza de Galiza o feito de se teren realizado outrora un pozo de barrena a escasos metros deste manancial e en terreos propios da devandita empresa?
- Quen autorizou a creación dunha nova fonte, co seu pozo de barrena, nun predio próximo á praza de Galiza, e a escasos 7 metros dunha burga(Lume de Deus) que serve o pobo?
- Por filtración, pola lei de vasos comunicantes, por calquera outra razón física ou xeolóxica, a creación dese pozo non pode estar danando esoutro do que se beneficia o pobo durante 9 meses ao ano?
- Somo sabedores de que cando se realizou o devandito pozo de barrena, localizado en xardíns do Balneario, a fonte Lume de Deus secou durante un tempo, o que pode significar que a vea subterránea pola que discorre a auga quente dunha e doutra burga sexan a mesma.
chuzame -