Adiante

As xornadas do CPI don Aurelio para este maio-longo son un exemplo de como é posíbel outra forma de ensino a través de temáticas lonxanas a eses libros de texto que editados dende ministerios de educación pouco saben, ou dín saber, da nosa realidade máis achegada. Este proxecto, que ten por nome Musigal, achegaralle a música feita en galego ao xoven estudante cuntiense.

Carlinhos e Nitram ao vivo

Asistimos, coma convidados, ao taller dirixido polos músicos Carlinhos e Nitram, este último membro de MACHINA (Cerceda-Galiza). Ambos impartiron unha interesante charla sobre o que eles máis saben facer, crear música hip-hop. Comezaron cun bosquexo pola historia deste estilo musical para logo entrar na parte máis entretida e participativa, que foi na que mostraron aos alumnos e alumnas como poder chegar a ser creativos con apenas dúas voces, unha que esculpe versos improvisados e a outra que crea o ritmo que conduce a sintonía. Carlinhos dispuxo as distintas formas de crear bases para facer cancións con diferentes xeitos de utilizar gorxa, língua, beizos… que cunha perfecta coordinación ían introducíndose nos ouvidos de todas as persoas asistentes.

NitramUnha vez creada a base viu a parte da composición, Nitram falou do seu particular xeito de armar os versos, porén explicou que cada un pode realizar creacións dende a temática onde se atope máis cómodo. As súas letras son de contido social, cun marcado carácter crítico e reivindicativo, nas que pode liberar o seu pensamento comprometido cos problemas cotiás. Coma exemplo, e axudado polo seu compañeiro, cantaron unha canción, que encandilou aos presentes, e que eles mesmos crearon a partir da letra “retranqueira” do hino galego. Os versos pondalianos foron introducidos por un “Nós somos fillos do pai Breogán” e remataron cunha crítica a actual situación do galego, esa lingua milenaria que ao parecer está imposta nas cidades, nos comercios, no ensino, que oprime ao idioma de Castela, que resta oportunidades nas oposicións e que non se parece en nada ao inglés. A xornada finalizou coa participación dos/-as alumnos/-as que verbo de oito palabras que elixiron foron fusionando versos. Abofé que algún e algunha, logo desta aprendizaxe, andará a maquinar algunha letra ou ritmo e quen sabe se un día teremos uns Dios Ke Te Crew ou Machina cuntienses creando, iso si, en galego!

CarlinhosAplaudimos a iniciativa levada adiante polo equipo de normalización lingüística do CPI don Aurelio. Grazas por lles achegar aos alumnos/-as cuntienses o que outros/-as nin por medio de substanciosas subvencións son quen de ofrecer. Iniciativas como esta, ou as do mesmo Fervedoiro nestas materias, endexamáis son mostradas á luz pública a través deses que din ser os espellos da nosa vida cotiá. Porque achegarlle a realidade socio-cultural galega ao pobo, sobre todo cando se trata dunha cultura “castrada”, non presta, as máis das veces, nutrientes fundamentais para a actualidade informativa. Son as cousas do “progreso” que sabe como tratar os/-as que non suben ao “seu” carro, simplemente ignoraos, silenciaos... Fronte ao seu “benestar” sempre estarán as nosas teimas:

Adiante coa defensa do GALEGO!

Chuzame! chuzame -

Comments are closed.