Para cando as solucións?
En reiteradas ocasións vimos de observar que diversas canalizacións que verten supostamente augas pluviais ao río Gallo continúan emitindo restos diversos ao seu cauce. Sabemos da rexenaración que deste río se quixo facer e que, con maior ou menor fortuna, se resolveu.
No entanto, son fundamentalmente dous puntos en cuestión os que continúan, en plena vila do Baño, dando unha imaxe de noxo. Unha delas, a de sempre, localízase debaixo da pasarela de madeira que está enfronte ao balneario de Cuntis, e foi tanto o sábado e domingo pasados (días 10 e 11 de maio, respectivamente), cando restos varios -con celulosas en suspensión nas augas contaminadas- pasaron a servir de "alimento" a troitas e demais seres acuáticos (agora en plena tempada de pesca). O outro punto localízase debaixo da ponte de pedra que comunica as rúas Bernardo Sagasta e do Convento co núcleo histórico. Alí, unha tubaxe existente, verte de cando en vez residuos diversos, cando non escuma como se fose de lavalouzas ou algo semellante.

Sabemos, asemade, dos danos que as choivas, e por ende, o aumento do caudal do Gallo, teñen provocado no entorno do río, e máis, concretamente onde a empresa encargada de realizar as obras de "rexenaración" trasfegaron as canalizacións residuais provenientes da zona da Presiña. Dende un principio, xa dixemos non estar de acordo a pesar de que a normativa o permita, porén a obra está feita pero os resultados non son dos máis desexados. Agora alí, unha gran derruba de terra vai comendo máis e máis o espazo destinado para paso de transeúntes e pescadores, pero tamén co risco que coadxuda o de que a terra poida seguir a se esbarrigar. Non existe un só sinal indicando que é perigoso pasar por aí, non existe un só indicador para avisar a calquera cidadán, que de non camiñar con precaución por eses lugar pode un caer no leito do río.
Quen vai agora solucionar o problema? Outra vez o pobo co seu diñeiro, e distribuído pola administración pública?
Cremos que, evidentemente, a empresa que realizou tal obra é responsábel deste feito e, subsidiariamente, a administración local ou incluso a Consellaría de Medio Ambiente.
Por outra banda, seguimos esperando que se abran ambas marxes do río, e o paso fluído e continuo por ambas beiras sexa o que ten que ser, e que non existan zonas intermitentes de paseo. Ademais, na zona do Parque do Catro, os pescadores téñeno difícil para cruzar a unha finca propia de Termas de Cuntis, e falamos dos metros de paso que lles corresponden por Lei, xa que alí existe arame de púas que, por certo, non é legal.
Por todo isto vimos de rexistrar un documento no Concello de Cuntis no que solicitamos:
- Que se nos deixe ver as imaxes e informe elaborados pola empresa Espina & Delfín para sabermos do estado das tubaxes que van cara ao río Gallo, por ser de carácter público.
- Que se inspeccionen os dous puntos conflitivos por onde adoitan saír augas, que non son unicamente pluviais, ao cauce do Gallo.
- Que se sinalice a zona na que se derrubou a terra por mor das choivas e do río no Parque do Castro e que, o mías axina posíbel, se reparen os danos ocasionados así como que se camuflen as arquetas de cemento que están a vista xunto coa cimentación dunha torre de tecido eléctrico.
- Que se pescude se no Parque do Castro pode haber arame de púas para cerrar unha propiedade privada, coevidente risco para os que por aí deambulan, camiñantes ou pescadores.
- Que se faga un estudo para que por ambas beiras do río se poida continuar co paseo e xa de paso cumprir coa Lei.
chuzame -