Letras á rúa!
Ha ser, esta que ven, unha fin de semana cargada de acontecementos dos que o noso colectivo formará parte, dende A Estrada e Milladoiro até Compostela, os diferentes actos que se están a preparar dende o tecido asociativo entorno ao Día das Letras Galegas contarán coa presenza e apoio da nosa asociación.Seguimos, polo tanto, amosando o noso compromiso cos principios que nos fixeron xunguirnos a carón do Fervedoiro, e que por moito que calendarios oficiais nolo recorden non esquencemos que tódolos días do ano debemos telos presentes. Sabemos que de vivirnos nunha realidade consecuente cos verdadeiros problemas do noso pobo non estariamos dedicándolles certos días do calendario, porén o pasado e presente de agresións contínuas cara a nosa língua fan que reivindiacala sexa unha obriga para os galegos e galegas comprometidos coa nosa terra.
Acompañaremos a David Otero na súa homenaxe, o sábado no recreo cultural da Estrada, para agradecerlle o seu compromiso e gusto coa palabra, e tamén por nos apradiñar xunto con Avelino Pousa, Xosé Lois Bóveda, Xohán Fernández Abella e Fran Campos cando demos en comezar este camiño. Agradecemos tamén o convite dos compañeiros e compañeiras da Asociación Veciñal Seidón do Milladoiro para estármonos presentes nunha xornada festiva na que Noise Project, Leo e Arremecaghoná e Ruxe-Ruxe serán os encargados de encher de música esta festa que contará con Ramón Villar (director de Vieiros) coma pregoeiro. A partir das 21.30 alí estaremos porque desexan contar con representación de colectivos sociais de Galiza para mostrar o traballo desenvolto dende as pezas que fan país e avanzan na construción da nación que reivindicamos.
Tamén Compostela estará chea de actividades, venres e sábado o pavillón de Santa Isabel (Compostela) acollerá o I torneo das nacións de basket feminino entre as seleccións galega, vasca, catalana e lusa. Siareir@s Galeg@s asistirá aos partidos da nosa selección nacional, o punto de encontro para o primeiro día será diante da taquilla do pavillón ás 19.30 para presenciar o partido que nos enfronta a Euskadi a partir das 20 h. Para o sábado os horarios tanto de xuntanza como o do partido da galega de basket dependerán de se esta desputa a final ou o terceiro e cuarto posto, porén coincidindo cos actos que organiza a Gentalha do Pichel na alameda da capital galega, tomarase esta coma punto de encontro media hora antes do partido. Coma remate, seremos parte o 18, a partir das doce do mediodía na alameda compostelá, da manifestación nacional que convoca A Mesa Pola Normalización Lingüística e cuxo manifesto tamén foi asinado polo Fervedoiro entre un gran número de colectivos e persoas que apoian esta xornada a prol da normalización e dignificación do uso da nosa língua.

Aproveitando as declaracións que estes días están a facer varios membros e membras de institucións públicas e organizacións políticas do país, que mesmo chegan a afirmar que o noso idioma “non pode sufrir dificultades nen discriminacións”, queremos facer fincapé que as iniciativas sociais para e con o galego se están a formular dende fai tempo. O´Fervedoiro ten presentado un amplo paquete de medidas para a normalización lingüística no Concello de Cuntis, medidas que para levalas adiante necesitan dos apoios institucionais. Por iso mesmo, gustaríanos saber se todas esas palabras de compromiso coas nosas letras, que vimos escoitando e lendo estes días nos máis variados medios, mudarán en apoios positivos para estas iniciativas populares que traballan a prol da defensa da alma do noso pobo?, ou se polo contrario todo o que asemella compromiso verbal foi só, unha outra vez, un sentido discurso inxeniado para o acto que dicta o vermello do albanaque e que logo vai parar ao arquivo que alimenta a amnesia dos/-as dirixentes? Confiamos nas boas intencións e nas boas vontades, pero cómpre avanzarnos todos e todas na consecución desta meta: unha língua normal, unha língua normalizada. Facemos aquí un chamamento ao compromiso e á valentía, porque todos e todas, sen exclusións, somos necesarios/-as, e a forza de todos/-as precisa o noso idioma: pobo e adminitracións, colectivos e particulares, nativos e inmigrantes, emigrantes e residentes... É necesario avanzar, e recuperarnos espazos da nosa língua, para que A Festa do Galego teña celebración todos os días do calendario.
Enchámo-la terra de língua!
chuzame -