Pasiño a pasiño desfacedes o camiño
Hoxe día 20 de maio rematou o prazo de exposición pública para alegacións á ocupación dos terreos onde se pretende fincar un aeroxenerador (A1) no Monte Caeiro, pertencente ao parque eólico Arca Fase 1, e O Fervedoiro sensibilizado co tema rexistrou a pertinente alegación na que se expoñen as distintas razóns polas que o noso colectivo amosa o seu rechazo. Estamos totalmente en contra deste tipo de actuacións que, co obxecto da explotación de recursos eólicos, se beneficia a unha determinada empresa en detrimento da nosa paisaxe e da natureza, co seu consabido impacto visual; pero, fundamentalmente, porque tal entidade se vai lucrar con recursos que son de todos/as, sen ter en conta as economías familiares nin os/as veciños/as da contorna próxima. Velaí que este proxecto está ideado para que non repercuta directamente na cidadanía, tal e como se vén facendo con outras infraestrutuas de aproveitamento eléctrico, díganse as minicentrais da Baxe (Moraña-Cuntis-Caldas de Reis), A Ermida (Cuntis-Moraña) e Arca (Cuntis-A Estrada). Loxicamente as empresas promotoras, por medio das administracións públicas, entregan un canon anual aos concellos afectados, mais este reverte directamente nas arcas municipas pero para nada na calidade de vidas dos/as veciños/as, xa que ben comprobado está o deficitario suministro eléctrico que temos: Cantas baixadas de tensión tivemos, por exemplo, neste mes; e cantas horas de apagón padecemos? O venres 16 de maio, un soleado día e ao redor das 16:00 h., aproximadamente e para maior aglaio, quedamos sen electricidade durante algo máis de 20 minutos; ou incluso días atrás, onde as rúas Bernardo Sagasta, Convento, Balneario e Presiña, entre outras, non tiveron alumeado público ao longo de toda a noite. E iso tendo os nosos ríos sobreexplotados e agora coa pretensión de hipotecar os nosos montes.
Que ten isto de política social? A quen favorece? Loxicamente ás entidades privadas que, por certo, no caso de Gamesa S.A. é unha empresa vasca. Non é isto unha forma máis de contribuír no avance do colonialismo empresarial e a explotación dos nosos recursos por mans alleas? Isto non deixa de ser unha política de desenvolvemento enerxético pouco acertada, que non atende ás necesidades galegas e que olla cara a outro lado para resolver os problemas de industrialización do país.
O proxecto de instalar un aeroxenerador no monte do Caeiro seica vai traer varias compensacións económicas:
a) Un pago único de 12.000 euros pola utilización intensiva de pistas. Noutras verbas, van estragar o monte e os seus accesos e esa cantidade é o prezo.
b) Outro pago único de 12.000 euros para realización de actividades de interese social e cultural.
c) Un pago anual de 6.000 euros (incrementado anualmente polo IPC) en concepto de canon.
d) A Creación dunha ruta de sendeirismo, "con vistas ao Touriñán III", taxada en 43.094 euros, e cun mantemento de 3.000 euros ao ano.
Fagamos fincapé aquí que esta ruta discorrerá por terreos de importante valor arqueolóxico e histórico, xa que a existencia como as que se localizan na contorna das lagoas de Zo son bo testemuño disto. Queremos crer que os xa lesionados monumentos megalíticos terán a protección debida así como a sinalización, no obstante o ambiente ha ser do máis máis marabilloso, o ruído que provocará este aeroxerador e outros farán escorrentar non só os visitantes senón tamén boa parte da fauna alí existente, ben paxaros migratorios ou ben os asentados alí permanentemente, sen esquecérmonos dos cuadrúpedes.
E en relación coas compesacións económicas que nos "dan" dende esa empresa, non podemos máis que sinalar que serán insultantemente irrisorias, tendo en conta que un aeroxenerador de 2.000 Kw/h de produción nominal é tremendamente rendíbel.
Cal será o montante económico -en unidades monetarias- que conseguirá a citada empresa coa instalación deste xenerador? Non cabe dúbida que ha ser esaxeradamente elevado.
Canto representan os 6.000 euros anuais de canon no exercicio produtivo deste aeroxenerador?
Por que non esixir ás empresas que se lucran cos nosos recursos unha determinada porcentaxe da súa produción enerxética?
Onde están os beneficios reais que nos reporta a sobreexplotación enerxética da nosa terra?
Por quen non termos a electricidade gratuíta e de calidade todos/as os/as cuntienses xa que fixeron, e están a facer, das nosas terras e das nosas augas lugares tremendamente rendíbeis na explotación eléctrica?
Por que sendo Cuntis unha terra produtora de electricidade, e por extensión Galiza enteira, temos que pagar o mesmo que aquelas terras que son importadoras?
Onde está, velaí, a igualdade entre "comunidades"? Realmente non existe. Regálannos esmolas -case que de xeito caritativo- e ademais, todo no mesmo paquete, hipotécannos o país, destrúen a natureza e logo véndennos unha Galiza Verde.
Dende o punto de vista da nosa oposición total ao proxecto da realización do Parque Eólico Monte de Arca I, e por mor da situación na que nos atopamos, onde xa está aceptada a súa execución e a administración pública por medio da Consellaría de Industria non fixo ren para a súa paralización, realizando así políticas continuístas ás das anteriores lexislaturas e, cando menos, igual de abusivas, solicitamos o que segue:
1. Que se incrementen as compensacións económicas -chámese canon- porque son totalmente ridículas,
2. Que se poña en valor, e cuestión, a verdadeira calidade de vida que temos en Cuntis no tocante a sermos terras sobreprodutoras de electricidade cun subministro eléctrico deficitario,
3. Que se protexa, celosamente, todo o patrimonio arqueolóxico e histórico-artístico das zonas afectadas,
4. Que na realización das obras existan os medios de inspección oportunos para velar pola conservación do noso medio, entorno, accesos e patrimonio.
5. Que non se taxe previamente a desfeita medioambiental antes de que esta aconteza, a cal xa se nos manifesta.
6. Que non se caia en hipocrisías tan grandes como facer unha ruta de sendeirismo por zonas de interese natural cando a natureza vai estar basicamente estragada, con ruídos que producirá o aeroxenerador e coas desfeitas que a instalación do mesmo ha provocar.
7. Que non se volva a estragar máis natureza e patrimonio do noso, posto que o panfleto turístico non nos rescata da crúa realidade.
chúzame -