Festexando as nosas letras
Para celebrar o día das nosas letras foron artellados todos e cada un dos actos que días atrás publicitabamos dende aquí, o noso altofalante na internet.
Coma sempre formamos parte do colectivo Siareir@s Galeg@s, desta vez para estar ao carón da nosa selección nacional feminina de baloncesto que se proclamou subcampiona do I Torneo das Nacións desputado no pavillón de Santa Isabel (que se debera chamar Santa Sabela, en Compostela). Galiza clasificouse para a final logo de vencer o venres a Euskadi, nun encontro no que a calidade das nosas xogadoras tivo moita da culpa do contundente marcador final.
O sábado, logo do xantar popular organizado pola Gentalha do Pichel na alameda de Compostela e que para a noite se abasteceu da música en galego d@s Da Ría, Sacha na Orta, Ataque Escampe e The Homens, foi tempo para o encontro fronte a Catalunya, no que as cousas se puxeron costa arriba dende o primeiro cuarto e a derrota non puido ser evitada polas nosas que, iso sí, amosáronse combativas até o derradeiro minuto. O apoio e as proclamas en prol da oficialidade dende a nosa bancada non faltaron durante toda a fin de semana no pavillón compostelán, o berro ao unísono "Queremos xogar partidos oficiais!" encheu o recinto deportivo na protocolaria cerimonia da entrega de trofeos, quen sabe canto tardarán en saír dalgúns ouvidos...

*Aproveitamos este espazo para mardarlle unha forte aperta a Ezequiel Mosquera, un bo amigo do Fervedoiro, que onte tivo que abandoar a Volta a Catalunya por mor dunha caida que lle ocasionou fractura de clavícula e dedo maimiño dunha man. Forza campión!
Tamén ese sábado estivemos na homenaxe que, dende edicións Fervenza, se fixo a un noso padriño, o mestre e escritor David Otero Fernández. Comezouse cunha cea e rematouse coa lectura de varios comunicados na honra do homenaxeado, valorando a súa traxectoria viva e activa na defensa do idioma, da cultura e da sociedade galega. Polo atril da palabra foron pasando varias persoas que entregaron a todos os ouvintes instantes moi emotivos. Ademais da represantción do Fervedoiro, entregaron a súa palabra Avelino Pousa Antelo e Xoán Xosé Fernández Abella, Xosé Luna Sanmartín, Xosé Manuel Beiras, Avelino Abuín de Tembra, Mini e Mero (que interpretaron unhas fermosísimas cancións, combativas e de amizade co irmán David, xunto con outros músicos), Olimpio Arca Caldas, Manuel Fragoso, varias representantes de centros educativos (do Foxo, da Estrada e Xesús Goldar, de Lalín), Paco Lareo,...

Entre os asistentes estaban Xesús Ferro Ruibal (membro da RAG), o escritor Xosé Lois García ("Pedrón de Honra" 2008), o presidente do Centro Galego de Barcelona...
Ese foi un día, mellor dito unha noite, que o irmán David non ha esquecer, mais tampouco moitos dos que por ese acto pasamos e entregamos a nosa palabra.
chúzame -